[21-03-2018] Ás 09:00 horas deste xoves, 22 de marzo, dará inicio a fase de zona de Ames do Club de Debate, na que participará o alumnado dos centros de ensino secundario do concello. O tema que centrará os debates é: "A mocidade do século XXI é feminista". Os debates, que se desenvolverán ao longo da mañá e da tarde na Casa da Cultura de Bertamiráns, serán abertos á cidadanía, podendo asistir quen así o desexe. A xornada de debate clausurarase ás 18:45 horas coa entrega de premios. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o horario completo da fase de zona.
O xurado desta fase estará conformado pola técnica de Normalización Lingüística, Inmaculada Seage, polos xornalistas Xoana Pardo e Juan Silva, polo xefe de Publicacións da Universidade de Santiago, Juan Blanco Valdés, e pola profesora de secundaria, Noemía Pazó. Presidirá o xurado Inmaculada Seage.




