Pestanas principais

Este xoves, 22 de abril, Tomas Guerrero presenta as súas obras en banda deseñada no Pazo da Peregrina

Mércores, 21 de abril de 2021

O acto terá lugar no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, este xoves 22 de abril, ás 20:00 horas, coa presenza do autor, da concelleira de Cultura, Natividade González, e do escultor e profesor na escola de arte Pablo Picasso da Coruña, Miguel Ángel Vigo Baleirón. Tomas Guerrero é un escritor de bandas deseñadas, ilustrador e animador 3D que conta historias a través de imaxes. A entrada ao acto é gratuíta e libre até completar o aforo limitado debido ás restricións pola Covid-19. Esta presentación enmárcase dentro da programación Abril, mes do libro en Ames, posta en marcha polas bibliotecas municipais.

O autor galego quere contar historias a través das imaxes. Tras a súa experiencia traballando por todo o mundo na animación 3D dende 1995, agora busca simplificar e personalizar o seu traballo, volver ao papel e a tinta e contar historias en formato de novela gráfica. Tomás estará acompañado na presentación de Miguel Ángel Vigo Baleirón, escultor e profesor na escola de arte Pablo Picasso da Coruña e será presentado por Natividade González, concelleira de Cultura.

No evento, Tomás Guerrero presentarás tres obras: "A deserción de Stalin", historia na que se fala sobre os veteranos axentes secretos que pulularon entre os dous lados da «cortina de aceiro» e que poden contar millares de historias relativas á súa experiencia. Pero o que pouca xente chegaría nunca a imaxinar é a que tal vez foi a máis importante misión encargada ao MI6 que nos conta un deses derradeiros cabaleiros da guerra fría... Tomás Guerrero xoga mesturando imaxinación e realidade histórica, dándolle arredor dun tema que ben podería ser Top Secret.

A nova obra do autor da novela gráfica "A deserción de Stalin" presenta un cambio de rexistro gráfico e narrativo que mantén, porén, todo o seu interese sobre a complexa realidade sociopolítica da Europa do século XX.

"Tanta paz leves", situada en Francia, 1948. Nos anos da difícil posguerra europea, o tempo de paz agocha milleiros de historias de vencedores e vencidos, máis alá dos resultados bélicos. Os traballadores dun circo que percorre o país observan con estrañeza a chegada dun misterioso convidado traído por un vello coñecido do xerente. A partir dese momento, afloran feridas que quedaran abertas durante ese período convulso.

Por último, "O neto do homem mais sábio", é unha biografía de Saramago que toma o seu nome da frase co que o propio Saramago abriu o seu discurso de recepción do Premio Nobel: "o home máis sabio que coñecín en toda a miña vida non sabía ler nin escribir", dixo en referencia ao eu avó, Jerónimo Melrinho. E a partir desa premisa, Guerrero da forma a esta "biopic" como un ficticio diálogo entre Merlinho e Ricardo Reis, o heterónimo do poeta Fernado Pessoa que Saramago fixo seu na novela O ano da morte de Ricardo Reis. O resultado é unha viaxe alucinante desde Azinhaga do Ribatejo ata Lanzarote, unha sentida homenaxe á literatura portuguesa.

Mes de presentacións
Esta presentación enmárcase dentro da programación Abril, mes do libro en Ames, posta en marcha polas bibliotecas municipais. Por mor da celebración do mes do libro, Carlos Negro presentou o pasado 8 de abril, Non cantan paxaros neste bosque; e o xoves, 15 de abril,  María López Sández e Marilar Aleixandre, expuxeron a súa obra feminista Movendo os marcos do patriarcado. Ademais, o venres 16 realizouse a presentación do libro infantil O soño de Liam, de David Navarro.

As presentacións de libros deste mes rematarán coa saída do prelo do libro que recolle os traballos de narrativa e poesía que obtiveron premio na XVII edición do Certame Literario de Ames. A presentación desta obra conxunta terá lugar o xoves, 29 de abril, ás 20:00 horas, tamén no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Presentación Tomás Guerrero.

Multimedia

  • Presentación Tomás Guerrero.