Pestanas principais

Este xoves 15 de xuño abren as piscinas municipais descubertas e a praia fluvial de Tapia

Mércores, 14 de xuño de 2017

[14-06-2017] Dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofreceranlle á veciñanza amesá unha alternativa á costa galega. Este xoves comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abrirán ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura o goberno municipal realizou obras de mellora nestas instalacións.


Servizo de vixilancia e socorrismo
O servizo de vixilancia e socorrismo comezará a prestarse o día 15 de xuño e estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas, mentres que nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas.

Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderán as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estas persoas serán as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.

As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. A apertura destas instalacións chega nun momento moi propicio xa a predición meteorolóxica indica que cara a fin de semana e a próxima semana vanse superar os 30 grados. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos areais da costa galega.

Para que estas instalacións estean en perfectas condicións de cara ao inicio da temporada estival, o Concello de Ames estivo acondicionando as piscinas municipais descubertas e a área recreativa de Tapia durante as últimas semanas. Deste xeito, no Milladoiro, onde existen dúas piscinas (unha para as persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros e outra para os cativos que conta cunha profundidade de medio metro), realizáronse varios traballos de mantemento.

As obras que se realizaron nas instalacións municipais que acollen as piscinas descubertas do Milladoiro estiveron dirixidas a mellorar o pavimento existente, que está ao redor de ditas piscinas, xa que presentaba un estado precario pola súa antigüidade. Aproveitando esta circunstancia instaláronse as canalizacións de saneamento. Tamén se executaron obras de accesibilidade. Para o cal se derribaron 180 centímetros dun muro de bloques que separaba a zona de `praia´, que está ao redor das piscinas, da zona de bosque. No seu lugar construíuse unha rampla con varanda que permite a comunicación entre estas dúas zonas.

Outras actuacións que se executaron foron a substitución do peche perimetral de dita instalación; o pintado dos muros de bloques de formigón por ambas caras; a instalación dunha caseta prefabricada para uso do servizo de SOS; o acondicionamento e pintado das casetas existentes; así como o pintado da porta metálica de entrada ao recinto.

Por outra banda, en Bertamiráns existe unha única piscina que dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. Neste caso realizáronse traballos de pintado nestas instalacións e nas casetas existentes, sementouse novo céspede e reparouse o pavimento dos arredores da piscina.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las piscinas de Ames y la playa de Tapia inician su actividad"
El Correo Gallego: "Ames abre hoy sus piscinas y playa de Tapia con vigilancia"