Pestanas principais

Este xoves, 14 de xuño, impártese a última charla do programa Amessan que afondará nos recursos para persoas que viven soas

Martes, 12 de xuño de 2018

[12-06-2018] A Concellaría de Voluntariado e Benestar Social organizou unha serie de charlas dirixidas a persoas maiores de 60 anos. Cada unha destas conferencias aborda un tema diferente: alimentación saudable, prevención de demencias, sexualidade na idade adulta, prevención de estafas e roubos e recursos para persoas que viven soas. Estas charlas enmárcanse dentro do programa municipal de envellecemento activo Amessan. Este xoves, 14 de xuño, impartirase a quinta charla deste programa que tratará sobre os recursos para persoas que viven soas. Será na Casa da Cultura de Bertamiráns, de 18.00 a 19.30 horas.

Como novidade deste 2018, a Concellaría de Voluntariado e Benestar Social organizou un conxunto de charlas que abordan algúns dos temas de maior interese para as persoas maiores de 60 anos. Estas charlas informativas son impartidas por Graciela Rivas, traballadora social e técnica superior en animación sociocultural, especializada en xerontoloxía e atención á terceira idade. Para asistir non é preciso inscribirse previamente. As charlas teñen forma de obradoiros dinámicos, nos que o intercambio de información é o eixo fundamental na adquisición dos novos coñecementos.

Durante o mes de maio e comezos de xuño impartíronse catro charlas sobre a importancia dunha alimentación saudable; a prevención de demencias e, en concreto, do alzhéimer; a sexualidade na idade adulta; e a prevención de estafas e roubos. A quinta e última das conferencias tentará ofrecer diferentes recursos orientados ás persoas que viven soas, co obxectivo de que estas poidan manter un bo nivel de autonomía física, funcional e cognitiva. Esta charla terá lugar este xoves, 14 de xuño, na Casa da Cultura de Bertamiráns, no horario habitual, de 18.00 a 19.30 horas.

Contido relacionado


Lindeiros: "Charla en Ames sobre os recursos para as persoas que viven soas"
Compostela 24 horas: "Charla sobre a autonomía física das persoas maiores"