Pestanas principais

Este xoves, 14 de maio, debaterase no pleno a aprobación provisional da derogación da ordenanza de terrazas

Mércores, 13 de maio de 2020

O Concello de Ames celebra este xoves, 14 de maio, un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá a aprobación provisional da derogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa. Este martes, 12 de maio, realizouse a comisión informativa de Economía e Facenda e Especial de Contas, previa a dito pleno, na que se aprobou, con cinco votos a favor e tres abstencións, a derogación de dita ordenanza fiscal. O obxectivo do goberno municipal e do resto de grupos políticos municipais é derogar dita ordenanza, para que os locais hostaleiros e comerciantes non paguen as taxas deste ano e poidan incrementar a superficie das súas terrazas, sempre tendo en conta os informes técnicos do departamento de urbanismo. Esta medida axudará a hostaleiros e comerciantes coa eliminación da taxa de terrazas deste exercicio. O Concello deixará de percibir este ano preto de 18.000 euros polas taxas de terrazas.

Este xoves, 14 de maio, celebrarase de forma telemática un pleno extraordinario para abordar a aprobación provisional da derogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

A Orde SND/399/2020, de 9 de maio, emitida polo Goberno do Estado, permite a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma, na aplicación da fase 1 do Plan para a transición cara unha nova normalidade. Deste xeito, permitiuse a reapertura ao público das terrazas dos establecementos de hostalería e restauración baixo determinadas condicións de distancias, elementos a instalar, etc.

A actual ordenanza municipal de terrazas indica que a ocupación da vía pública non poderá danar os dereitos de terceiras persoas e, en todo caso, cando se trate de ocupacións vinculadas a un establecemento, non poderán superar o 50% do total da superficie interior do devandito establecemento. Ademais do establecido no apartado anterior, cando a ocupación se produza nas beirarrúas e paseos deberá quedar un espazo libre mínimo de 100 centímetros para permitir o paso dos peóns.

A aplicación da normativa contida neste artigo da ordenanza municipal de terrazas impediría autorizar incrementos na superficie ocupada polas terrazas, o que entra en colisión coa posibilidade recollida no apartado 2 do artigo 12 da Orde SND/386/2020, e 15 da Orde SND/399/2020, ocasionando un prexuízo para o sector hostaleiro que foi un dos máis afectados pola crise sanitaria da Covid-19.

Outorgamento de autorizacións de terrazas
Ademais, tal e como recolle o informe da tesoureira municipal, a ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, non é o instrumento xurídico adecuado para regular as condicións do outorgamento de autorizacións e/ou características da ocupación da vía pública, ao ser aspectos que deberán recollerse noutra normativa non fiscal.

Debido ao exposto e considerando as restricións acaecidas no sector da hostalería e restauración como consecuencia da crise sanitaria, a regulación contida no artigo 11 da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, e a necesidade de desvincular do contido da ordenanza fiscal cuestións alleas ao contido material propio da mesma; propónselle ao Pleno a derogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa.

Reactivación da economía local
A medida que se pretende aprobar, estaría contemplada dentro do Plan de choque que o Concello de Ames está preparando e como incentivo para a reactivación da economía local.

Ao longo destes días reforzouse o servizo de atención de urbanismo e publicouse un bando no que se informa aos hostaleiros da necesidade de poñerse en contacto co departamento de urbanismo, para as solicitudes correspondentes e requisitos necesarios, tanto para as ampliacións de terrazas como para o posible uso das prazas de aparcamento de xeito temporal.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, explica que “se o Pleno aproba a derogación da actual ordenanza de terrazas, haberá que poñerse a traballar de xeito inmediato na elaboración dunha nova ordenanza, para que poida entrar en vigor de cara o exercicio 2021. Ademais, dispoñemos dun borrador de regulamento de terrazas, que xa está rematado, e qua agora queda que sexa revisado polo sector hostaleiro. Así, o obxectivo é que entre en vigor a nova ordenanza e mailo regulamento, para regular a ocupación dese 50% da superficie polas terrazas, así como todo o referente á ocupación de terrazas na vía pública”.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Lenta apertura de las terrazas en Ames pese a la extición de tasas"

Lindeiros: "A bisbarra contra o Coronavirus XV, A voltas coas terrazas"

Imaxe da praza do Concello