Pestanas principais

Este xoves 12 de decembro preséntase na Casa da Cultura de Bertamiráns “O latexo dunha aula infantil”, das irmáns Abelleira

Martes, 10 de decembro de 2019

As irmáns Ángeles e Isabel Abelleira presentan este xoves 12 de decembro o seu libro “O latexo dunha aula infantil” na Casa da Cultura de Bertamiráns. No acto de presentación, que terá lugar ás 18.00 horas,  as irmáns estarán acompañadas do alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Educación, David Santomil, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

O departamento de Cultura do Concello de Ames ten programado para o próximo xoves 12 o acto de presentación do libro das amesás Ángeles e Isabel Abelleira. Na súa obra “O latexo dunha aula infantil. Eloxio do cotián” da editorial Galaxia, as autoras fixan os dez eixos temáticos a abordar nesta etapa educativa, vinculando sempre o cotiá coa escola. Que os pequenos descubran quen son e como son, que fan, que coidan, que pasa ao seu redor, que os conmove, que poden achegar á comunidade ou cara a onde van. Preguntas básicas, elementais pero non simples, pois son as que se fai calquera persoa adulta cando quere explicarse ante si mesma ou ante outros.

Desta maneira, na obra recóllense máis dun cento de latexos ou experiencias de vida, organizados baixo epígrafes que fan referencia ao coñecemento dun mesmo dende distintas facetas: como individuos, como persoas, como familiares, como cidadáns, como consumidores ou como activistas culturais, ambientais e sociais.

As autoras de “O latexo dunha aula infantil”
Isabel e Ángeles Abelleira Bardanca, contan no seu haber con varios premios de innovación educativa a nivel autonómico (2001-2003), o premio Mestre Mateo (2011) ás súas colaboracións educativas no ámbito audiovisual; o premio Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa (2012); foron seleccionadas para representar a España polo ciclo 3-6 na I Rede Iberoamericana de Innovación Educativa en Educación Infantil (2014); e foron finalistas autonómicas para o premio Acción Magistral (2015) convocado pola FAD.

En 2016 concédeselle o premio Marta Mata de Pedagoxía polo libro “Os fíos de infantil”, que foi publicado en catalán, castelán, galego e portugués brasileiro. Ademais desempeñaron funcións na administración educativa relacionadas coa formación permanente, a ordenación e innovación educativa, así como a dirección de centros educativos. E por si todo isto fose pouco, colaboran habitualmente en actividades de formación do profesorado, así como con proxectos editoriais e con publicacións especializadas en educación infantil.

 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Divulgan a obra das irmás Abelleira sobre os eixos temáticos da educación"

El Correo Gallego: "Ames se vuelca con la obra sobre Infantil de las hermanas Abelleira"

Presentación do libro das Irmáns Abelleira

Multimedia

  • Presentación do libro das Irmáns Abelleira