Pestanas principais

Este verán terán lugar 7 campamentos e campus de diferentes clubs e entidades deportivas de Ames

Martes, 23 de xuño de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellería de Deportes, informa dos campus e campamentos de verán que se desenvolverán durante estes meses en Ames. En total, o Concello e a Deputación da Coruña colaboran en 7 campamentos e campus de diferentes clubs e entidades deportivas de Ames. Todos están previstos entre os meses de xullo, agosto e setembro.

O Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboran en diversos campus e campamentos deportivos que se levarán a cabo durante o verán en Ames. Están previstos dous campamentos de patinaxe, un campus de atletismo, dous campus de fútbol, un clinic de perfeccionamento de baloncesto e un workout de tiro libre.

Campamentos de patinaxe

Un dos primeiros campamentos que se levará a cabo é o Campamento de verán de patinaxe artística do CPA Omega. Desenvolverase do 1 ao 31 de xullo en horario de mañá, de 8.30 a 14.30 horas, no Pavillón Polideportivo Municipal do Milladoiro. Está destinado para nenas/os entre 4 e 16 anos. Para inscribirse ou solicitar máis información, pódese enviar un correo electrónico a info@cpaomega.es.

Outro campamento de verán de patinaxe que está previsto para este verán é o do club de patinaxe a Sarela. Será do 16 ao 31 de xullo en horario de mañá, de 8.15 a 14.30 horas, no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns. Está destinado a nenas/os entre 6 e 11 anos e para más información ou inscricións, pódese enviar un correo electrónico a clubpatinaxesarela@hotmail.com.

Campus de atletismo

En canto ao campus de atletismo, do 13 ao 31 de xullo e do 31 de agosto ao 9 de setembro está previsto o organizado polo Millaraio Club de Atletismo. Do 13 ao 31 de xullo desenvolverase no Ximnasio do Pavillón Polideportivo Municipal do Milladoiro, mentres que do 31 ao 9 de setembro terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal de Bertamiráns.  O campus está destinado para a rapazada nada entre o ano 2007 e o 2014. Para máis información e inscricións, pódese acceder á súa páxina web.

Campus de fútbol

O Bertamiráns FC, xunto co RC Deportivo da Coruña, organizan o V Depor Campus do 20 ao 24 de xullo. Terá lugar en horario de mañá, de 8.15 a 14.30 horas, nos Campos de Fútbol Municipal do Milladoiro. Está destinado a nenas/os de entre 6 e 14 anos, e para solicitar máis información ou inscricións accede á súa páxina web.

Asemade, tamén está previsto o IX Campus Bertamiráns FC, organizado polo Bertamirans FC. Hai tres quendas diferentes: a primeira será do 17 ao 21 de agosto, en horario de 9.00 a 14.00 horas; a segunda, do 24 ao 28 de agosto, no mesmo horario; e a terceira, do 31 de agosto ao 4 de setembro. Destinado a nenas/os entre 5 e 14 anos, para máis información ou inscricións preme neste enlace.

Actividades de baloncesto

Relacionadas co baloncesto, hai previstas dúas actividades, o II Clinic de perfeccionamento de baloncesto e o Workout Tiro Libre Basquet Ames.

A primeira delas está organizada por XL Milladoiro do 16 ao 31 de xullo. Terá lugar no Pavillón Polideportivo Municipal do Milladoiro, en horario de tarde, de 17.00 a 22.00 horas. Pódese participar a partir dos 6 anos. Para información e inscricións, pódese chamar ao número 698 126 246.

Por outra banda, en Bertamiráns levarase a cabo o Workout Tiro Libre Basquet Ames, organizado por Basquet Ames. Estará estruturado por semanas: do 20 ao 24 de xullo, do 27 ao 31 de xullo, do 3 ao 7 de agosto e do 10 ao 14 de agosto. O horario tamén se dividirá en quendas. Así, a actividade desenvolverase das 16.00 ás 17.30 horas para as nadas/os do 2010 ao 2007, das 17.45 ás 19.15 para as nadas/os do 2005 ao 2006, e das 19.30 ás 21.00 horas, para as nadas/os do 2004 en adiante.

Desta maneira, o Workout, que se desenvolverá no Pavillón Polideportivo Municipal de Bertamiráns, está destinado para a rapazada nada no ano 2010 e anteriores. Para información e inscricións preme neste enlace.

Campamentos e campus deportivos de veran

Multimedia

  • Campamentos e campus deportivos de veran