[13-06-2014] Dende o día 15 de xuño ata o 15 de setembro, as piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofreceranlle á veciñanza amiense unha alternativa á costa galega. Este domingo comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abrirán ao público por primeira vez este ano. Os horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 h a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 h a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Nas piscinas descubertas haberá cursos de natación durante os meses de xullo e agosto. Este ano a principal novidade é a impartición dunha actividade de cardio dance nas piscinas municipais e na praia fluvial de Tapia.
As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais ou na praia fluvial de Tapia. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos areais da costa galega.
Para que estas instalacións estean en perfectas condicións de cara ao inicio da temporada estival, o Concello de Ames estivo acondicionando as piscinas municipais descubertas e a área recreativa de Tapia durante as últimas semanas. Deste xeito, acondicionouse a zona axardinada e acometeuse a limpeza dos vasos das piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Na área recreativa de Tapia tamén se executaron varios traballos. Algún deles foron o acondicionamento do aparcadoiro, a limpeza do muíño e do vaso da piscina que hai neste lugar, a colocación de máis colectores de lixo e o acondicionamento da zona axardinada e dos setos.
A piscina de Bertamiráns dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. No Milladoiro existen dúas piscinas. Unha delas está dedicada ás persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros, mentres que a outra é para os cativos e conta cunha profundidade de medio metro.
A área recreativa de Tapia abarca unha extensión total de 15.000 metros cadrados. Esta enorme área engloba un gran número de instalacións como son a praia fluvial, con dúas zonas de baño no propio río, unha piscina para nenos, as instalacións do club de piragüismo "Ribeiras do Tambre", un muíño rehabilitado, vestiarios, grellas, e un pequeno bar, todo isto rodeado por amplas zonas verdes, onde poder tomar o sol, e zonas de aparcadoiro.
Actividade de cardio dance
Estas instalacións acollen numerosas iniciativas como son os cursos de natación, de iniciación ao piragüismo, etc. Nas piscinas descubertas haberá cursos de natación durante os meses de xullo e agosto. Este ano a principal novidade é a impartición dunha actividade de cardio dance nas piscinas municipais e na praia fluvial de Tapia.
Esta actividade de cardio dance impartirase dende o 16 de xuño ata o 11 de setembro. Na piscina descuberta do Milladoiro haberá cardio dance os luns e mércores, de 11:00 a 12:00 horas, mentres que na piscina descuberta de Bertamiráns impartirase os martes e xoves, no mesmo horario de 11:00 a 12:00 horas. Por outra banda, na praia fluvial de Tapia haberá cardio dance os luns e mércores, entre as 17:00 e as 18:00 horas. Para participar non é preciso inscrición previa, tan só é necesario achegarse ata estes lugares e participar na clase.
As instalacións de Tapia así como as existentes en Bertamiráns e Milladoiro permanecerán abertas ó público dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro, permanecendo abertas de luns a domingo, festivos incluídos. Na praia fluvial de Tapia o horario será de 15:00 h a 21:00 horas de luns a venres, os sábados e domingos de 11:00 h a 21:00 horas. Nas piscinas do Milladoiro e Bertamiráns o horario será de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo.
Servizo de vixilancia e socorrismo
O servizo de vixilancia e socorrismo comezará a prestarse o día 15 de xuño e estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas. O horario de vixilancia de luns a venres será de 15:00 h a 21:00 horas, mentres que os sábados e domingos este servizo prestarase en horario de 11:00 h a 21:00 horas.
Por outra banda, nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas. O horario de vixilancia será fixo de 10:30 h a 20:30 horas, de luns a domingo.
Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderán as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estas persoas serán as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.




