[13-11-2012] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 16 de novembro, a representación da obra de teatro infantil Cama e conto, da compañía Babaluva. En Cama e conto trátase o paso do tempo como temática central desde unha visión optimista e pegada á realidade máis cotiá. Haberá dúas representacións, unha ás 11:00 horas da mañá destinada ao público escolar, e outra ás 18:00 horas dirixida ao público familiar. Á sesión escolar acudirá o alumnado da Escola de Educación Infantil do Milladoiro. As persoas que desexen acudir á sesión familiar xa poden facer a reserva das entradas a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org
Esta fin de semana volve o teatro infantil a Ames da man da compañía Babaluva, que representará o peza teatral Cama e conto. Trátase dun espectáculo de monicreques baseado nas lembranzas de dous personaxes inesquecibles, unha nai e a súa filla Malva, que dialogan con xestos e as palabras, pero tamén dándolle vida aos obxectos máis cotiáns nunha montaxe chea de poesía e sentimento.
En Cama e conto trátase o paso do tempo como temática central desde unha visión optimista e pegada á realidade máis cotiá. A relación entre Malva e a súa nai contén un valor exemplar e sincero onde se pode recoñecer que as persoas son seres humanos complexos, pero onde sempre prevalece a amizade, o cariño e o respecto como valores inquebrantables. En definitiva, é unha peza teatral sobre a importancia da lectura e das relación humanas.
Cama e conto é un espectáculo apto para un público familiar e infantil. Esta obra está recomendada para todos os nenos e nenas que teñan entre 4 e 12 anos. O elenco artístico desta peza teatral está composto polas titiriteiras e actrices Mirari e Larraitz Urruzola. O autor da obra é Gonzalo Moure Trenor, mentres que da dirección encárgase Santi Prego.
As entradas poderán mercarse media hora antes do comezo da función na Casa da Cultura do Milladoiro. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné. Tamén se poden reservar as entradas, para iso hai que chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico á dirección cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:00 h e as 17:30 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 17:30 horas.
Sinopse da obra
Hoxe Malva e a súa nai xúntanse para limpar a casa onde vivían hai tempo. Namentres recollen os obxectos da habitación, lembran aqueles días nos que Malva devecía por que a súa nai lle lera un conto antes de ir durmir. Con esas historias viaxaban ata un mundo de fantasía onde todo era posible. Pero dende que Malva aprendeu a ler as cousas cambiaron e xa non houbo “cama e conto” ata que a nena discorreu unha idea bomba.
A compañía: Babaluva
Mirari e Larraitz Urruzola, formaron a compañía de monicreques Babaluva en maio do 2008. Despois de investigar diversas técnicas de manipulación especializáronse na técnica de monicreques de obxectos sobre mesa, onde o traballo de manipulación faise á vista, creando diálogo entre actriz-monicreque-público-actriz. Isto ofrécelles versatilidade á hora de crear personaxes e dinámicas de interrelación co espectador.
Planifican as estratexias innovando estéticas e contidos co fin de sensibilizar sobre a situación ambiental, animar á lectura, recuperar a tradición oral, divulgar coñecementos científicos, fomentar actitudes de respecto á diversidade, formar individuos, construír sociedades tolerantes e sustentables.





