Pestanas principais

Este venres representarase na Casa da Cultura do Milladoiro a obra de teatro “Todos os camiños levan a Santiago”

Martes, 12 de novembro de 2019

Despois do éxito acadado polo Club de Maiores de Boqueixón coa obra de teatro “Urxencias” a semana pasada, este venres 15 de novembro a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a representación da peza teatral “Todos os camiños levan a Santiago”, do Grupo Teatro Down Compostela. Terá lugar as 20.00 horas e as entradas son de balde ata completar aforo. Está destinada a todos os públicos.

O Grupo Teatro Down Compostela chega este venres, 15 de novembro, a Ames para representar a súa obra na décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado, organizada pola Concellería  de Cultura de Ames xunto coa Deputación da Coruña.

Desta maneira, a obra de teatro “Todos os camiños levan a Santiago” será interpretada por 19 mozos/as con síndrome de Down e discapacidade intelectual, que representarán sobre o escenario diferentes motivacións que teñen os miles de peregrinos que todos os anos visitan Santiago de Compostela. Ademais o humor e a ironía estarán tamén presentes nesta obra, na que os autores volverán a implicar ao público como parte deste espectáculo.

Dirixidos por Lucas Herrados, este grupo de teatro xa acadou outros éxitos en Ames, onde xa representaron na Casa da Cultura do Milladoiro as obras “Vodas de Sangue” no 2013, “As probas de Hércules” no 2014 ou “A mansión de José Cruz” no 2018.

A Mostra continúa nos próximos fins de semana
O próximo 30 de novembro, ás 21.00 horas, a obra que se representará na Casa da Cultura de Bertamiráns será “Bailamos”, interpretada pola compañía Aquelando Teatro de Muros. Xa por último, o día 15 de decembro ás 19.00 horas o Grupo Municipal de Teatro de Ames representará “Criaturas”, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.  

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Obra de Down Compostela en Ames sobre el Camino"

Compostela 24 horas: “Todos os camiños levan a Santiago” este venres na Casa da Cultura do Milladoiro"

Cartel Mostra de Teatro Afeccionado

Multimedia

  • Cartel Mostra de Teatro Afeccionado