Pestanas principais

Este venres rematan os cursos de natación de verán aos que asistiron preto de 200 rapaces e rapazas

Xoves, 30 de agosto de 2012

[30-08-2012] As piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro acollen maña a última xornada dos cursos de natación de verán. O Concello de Ames ten preparado un pequeno acto de clausura no que os rapaces e rapazas que participaron nestas actividades farán unha pequena demostración do aprendido. Ademais, todos os nenos/as terán de obsequio unha camiseta como recompensa do esforzo e recordo do curso. En Bertamiráns a celebración terá lugar ás 11:00 horas, mentres no Milladoiro a clausura realizarase ás 12:00 horas.

Preto de 200 rapaces amienses acudiron as clases de natación que se impartiron durante os meses de xullo e agosto nas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro. Os cursos repartíronse ao longo da mañá, divididos en franxas de idade. Das 10:30 h. ás 11:15 h. foi a quenda dos nenos e nenas de 12 anos; das 11:15 h. ás 12:00 h. foi a hora dos cativos e cativas de dez e once anos; na terceira quenda, das 12:00 h. á 12:45 h., participaron os rapaces de oito a nove anos; das 12:45 h. a 13:30 h., os nenos e nenas de entre seis e sete anos e, na última quenda, de 13:30 h. a 14:15 h., tocoulle a vez ao grupo dos máis cativos, os e as que teñen entre tres e cinco anos.

Durante o mes de xullo un total de 102 nenos e nenas participaron nestes cursos, mentres que durante o mes de agosto acudiron a estes cursos arredor de 80 nenos e nenas amienses. Dende a concellaría de Deportes valoraron positivamente todo este verán de natación, cun número moi alto de participantes.

A natación é unha das actividades deportivas máis recomendables. Non só se traballan dous terzos de todos os músculos do corpo senón que tamén ten moitos efectos positivos na mellora da saúde como é no incremento na resistencia cardiopulmonar, a estimulación da circulación sanguínea, mellora a postura corporal ou axuda ao desenvolvemento da flexibilidade entre outros efectos terapéuticos. Por iso, desde o Concello de Ames organízanse todos os anos varios cursos de natación onde a gran asistencia de nenos/a sempre deixa un bo balance.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Cerca de 200 niños acudieron a los cursos de natación de verano que terminan mañana en Ames"
El Correo Gallego: "Rematan os cursos de natación de verán en Ames"