[18-07-2012] Un total de 27 nenos/as están participando dende o pasado luns 9 de xullo no campamento urbano de verán. Este campamento remata este venres 20 de xullo cunha gran festa que se desenvolverá na Aula da Natureza. A esta festa están invitados os familiares de todos os nenos e nenas que participan no campamento. Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas están aprendendo a elaborar xabróns e papel reciclado. Tamén coñeceron diferentes técnicas de supervivencia na natureza e participaron en dúas excursión pola ruta de Riamontes e pola ruta do Tambre. Estas actividades realízanse en horario de tarde, entre as 16:00 e a 20:00 horas.

Festa final do campamento
O campamento urbano remata cunha gran festa de despedida, que terá lugar este venres 20 de xullo na Aula da Natureza, e na que haberá concursos, entrega de premios e unha merenda. A esta festa están invitados os familiares de todos os nenos e nenas que participan no campamento. Primeiro, os rapaces e rapazas máis maiores (padriños e madriñas) participarán nun obradoiro de elaboración de cócteles saudables, que impartirá a técnica-psicóloga do programa de prevención de drogodependencias, Sagrario Ferreira, mentres que os nenos e nenas máis pequenos (afillados/as) prepararán algo para merendar ao final da festa.
A continuación realizarase o gran concurso final do campamento. O primeiro día do campamento os rapaces e rapazas quedaron emparellados como padriño/madriña e afillado/a. Todos os días do campamento urbano os padriños/madriñas e afillados/as dispuxeron dun anaco de tempo para falar e coñecerse co fin de participar no gran concurso final do campamento. Este concurso consistirá en ir facendo diferentes preguntas a cada membro da parella (padriño/madriña e afillado/a) para saber cal das parellas se coñece mellor. O concurso desenvolverase por fases de eliminación e a parella de rapaces que se coñeza mellor gañará. Posteriormente, farase entrega dos premios do concurso, así como doutros premios do campamento.
Trala entrega de premios haberá unha merenda para todos os nenos e nenas que participaron neste campamento e para os seus familiares. Cómpre destacar a colaboración de FEIRACO que achegou diversos produtos lácteos para completar a merenda dos rapaces.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, deseñou un campamento pensado para as tardes de parte do mes de xullo, chamado Tardes ao Natural. Trátase dunha iniciativa pioneira no municipio que espertou o interese de moitos rapaces e rapazas do concello. Este campamento urbano comezou o pasado luns 9 de xullo cun total de 27 participantes de entre 6 e 13 anos. As actividades desenvolveranse ata este venres 20 de xullo, en horario de 16:00 a 20:00 horas.
Durante estes días os rapaces e rapazas participaron en grandes xogos por grupos (xincanas, xogos tradicionais e deportivos), obradoiros de elaboración de xabrón, preparación de sales, confección dun caderno con papel reciclado, preparación de plantas para un herbario, realizaron diversos traballos na horta e acondicionaron as plantas aromáticas e as árbores froiteiras. Pero os rapaces e rapazas tamén tiveron tempo para ir de excursión pola ruta de Riamontes. Deste xeito coñeceron os muíños que hai nesta ruta e as características do Rego de Riamontes. Tamén fixeron un debuxo inspirándose na contorna natural de Riamontes e nas súas paisaxes.
Por outra banda, os nenos e nenas aprenderon diferentes técnicas de supervivencia. Para iso construíron un refuxio, montaron unha tenda de campaña, aprenderon a facer nós, arcos e frechas, e nocións básicas de técnicas de salvamento e orientación. Os días que o tempo non acompañou participaron en varias actividades no interior da Aula da Natureza para elaborar murais. Estas foron algunhas das actividades nas que participaron, pero aínda quedan tres días de divertimento antes de que remate o campamento urbano.
Este mércores os rapaces e rapazas van a participar noutra excursión. Nesta ocasión realizarán unha andaina pola beira do río Tambre. Sairán da praia fluvial de Tapia, pasarán polo lugar de Oca e volverán ao punto de inicio, onde poderán refrescarse bañándose na praia fluvial de Tapia. A través desta actividade os nenos/as coñecerán as carballeiras e os soutos que hai nesta ruta, así como o resto de vexetación típica das ribeiras do río Tambre. Para o xoves está previsto que se realicen varias actividades como o estampado de camisetas, diferentes experimentos e un obradoiro de elaboración de candeas.





