[12-06-2015] Este venres, ás 18:00 horas, realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello entre o alcalde en funcións, Santiago Amor, e o alcalde in péctore, José Miñones, para realizar o traspaso de poderes. Amor entregoulle a Miñones varias carpetas con documentación dos diferentes departamentos municipais co obxectivo de que o novo alcalde coñeza o estado de cada área municipal. Nesta xuntanza tamén participaron a concelleira en funcións, Ana Ruso, e o concelleiro en funcións, Ramón Senra.
Segundo se recolle no documento asinado o pasado 10 de xuño por parte das forzas políticas de esquerdas que obtiveron representación na corporación municipal de Ames (PSdeG-PSOE, Ames Novo, Contigo Pódese e BNG) os concelleiros e concelleiras destes grupos políticos comprometéronse a votar a candidatura a alcalde de Ames de José Miñones Conde no pleno de investidura que se vai celebrar este sábado, 13 de xuño, ás 11:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Deste xeito, co fin de facer un traspaso de poderes directo e persoal este venres pola tarde o alcalde en función, Santiago Amor, mantivo unha xuntanza co alcalde in péctore, José Miñones, para entregarlle a documentación que recolle o estado de cada área municipal. Santiago Amor, explicou “quedo a disposición do novo alcalde e do novo equipo de goberno para aclarar calquera tema relacionado coa xestión municipal”. Por outra banda, José Miñones, indicou que unha vez sexa investido como novo alcalde de Ames “a vindeira semana teño a intención de manter unha reunión con Santiago Amor para ver o estado no que se atopa cada área municipal”.
A esta xuntanza tamén asistiron a concelleira en funcións de Cultura, Deportes, Asociacionismo, Igualdade, Muller, Xuventude, Seguridade, Transportes e Voluntariado, Ana Ruso, e o concelleiro en funcións de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Ramón Senra.





