[25-10-2012] O grupo O aturuxo de Melpómene, de Narón, será o encargado de pórlle o punto e final por este ano á Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, que vén celebrándose dende 2006. Os integrantes deste grupo de teatro representarán a obra Café este venres 26 de outubro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Péchase así unha nova edición desta mostra de teatro afeccionado que está contando cunha grande presenza de público entre os amienses.
A Mostra de Teatro Afeccionado remata este venres, 26 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da obra Café a cargo do grupo O aturuxo de Melpómene, de Narón. Esta peza teatral está destinada a persoas maiores de 12 anos e conta cunha duración de 80 minutos. A entrada será de balde.
Esta peza está interpretada por Lorena Montero, Juanín Ares Gondell, Paula Morado, Leandro Lamas, Silvia Casal e Keke Díez. A obra está escrita por Susana Sánchez, Luís García Araus e Javier García Yagüe, mentres que da dirección encárgase Iolanda Muíños.
Esta comedia transcorre nun espazo temporal no que o café se considera unha droga perigosa. Esta substancia ben podería substituírse por calquera outra que resulte aditiva, xa que do que se trata, en definitiva, é demostrar o lado escuro das adiccións. A representación é unha metáfora en si mesma sobre os efectos das drogas nas persoas e o difícil que resulta saír dese universo paralelo no que se somerxen os individuos cando dependen delas.
A través deste festival, a Concellaría de Cultura pretende promocionar, dar a coñecer e darlles aos grupos de teatro afeccionado un escenario onde poidan expresarse e representar as súas pezas teatrais. Ao mesmo tempo achégalles aos amienses espectáculos que están fóra dos circuítos comerciais pero que teñen un grande interese.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Fin de la muestra de teatro aficionado de Ames"
El Correo Gallego: "Este venres péchase a Mostra de Teatro Afeccionado coa representación da obra Café"




