Pestanas principais

Este venres haberá unha reunión informativa sobre a Escola Municipal de Música de Ames

Xoves, 29 de setembro de 2011

[29-09-2011] O alumnado que está matriculado no curso 2011-2012 da Escola Municipal de Música de Ames comezará as clases a semana do luns 3 de outubro, excepto os rapaces e rapazas que asistan as clases de percusión/batería que comezarán máis tarde porque estase resolvendo a convocatoria para a contratación do persoal que vai impartir esta disciplina. Previamente, realizarase unha reunión informativa de inicio de curso o venres 30 de setembro, ás 20:30 na Casa da Cultura do Milladoiro. Este ano a Escola Municipal de Música de Ames, dependente da Concellería de Cultura, rexistrou un total de 191 matriculados de cara ao vindeiro curso académico. Calquera dúbida respecto aos horarios pódese consultar chamando ao número de teléfono 981 535 940, en horario de 9:30 a 13:00 horas.

A oferta educativa da Escola Municipal de Ames (EMMA) como sempre, estará orientada a nenos/as de 4 anos en adiante. Para os máis pequenos, que non poden comezar aínda cun instrumento musical, ofrecéselles a clase de música e movemento, que consiste nunha especie de iniciación á musica para os grupos de nenos/as que teñen de 4 a 7 anos.

Para os maiores de 7 anos a EMMA seguirá ofrecendo as mesmas clases que se veñen desenvolvendo en cursos anteriores como é linguaxe musical (solfexo), recomendable para todos aqueles matriculados nun instrumento e as clases de combo ou conxunto instrumental de música moderna.

Ademais impartiranse clases para a práctica de diferentes instrumentos. Así, poden asistir aqueles nenos/as que desexen aprender a tocar ou mellorar a súa técnica no piano, guitarra, frauta, violín, percusión e batería ou saxofón. E por último, ofértanse varias prazas para as clases individuais de canto moderno, que están dirixidas para nenos/as a partir dos 11 anos, e que teñen unha duración dunha hora á semana.

As clases da Escola Municipal de Música de Ames impártense no IES de Ames, no CEP de Ventín, no Pazo da Peregrina e na Casa da Cultura do Milladoiro onde os/as nenos/as aprenderán a tocar e mellorar a súa técnica no piano, guitarra, frauta, violín, percusión e saxofón. O horario de cada neno/a establecerao a mestra ou o mestre en función da idade e dos coñecementos de cada un deles.

A través deste servizo municipal ofréceselles aos nenos e nenas amienses, desde hai varios anos, a oportunidade de aprender a tocar un instrumentos ou continuar estudos musicais. Ademais a dirección da Escola Municipal de Música de Ames segue innovando ano tras ano e introducindo novas materias no programa educativo.

Para obter máis información, poden enviar un correo electrónico ao enderezo escolademusica@concellodeames.org ou chamar ao número de teléfono 981 535 940, en horario de 9:30 a 13:00 horas.