Pestanas principais

Este venres desenvólvese no Milladoiro a novena edición do evento Lab Class “Inventa a túa comunicación”

Xoves, 15 de setembro de 2016

[15-09-2016] A empresa amesá Escuela Inventa, en colaboración co Concello de Ames, organiza este venres 16 de setembro, en horario de 16:00 a 20:30 horas, a novena edición do evento Lab Class-Inventa a túa comunicación. Neste evento, que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro, intervirán 10 relatores, que corresponden a 7 momentos inspiradores de 11 minutos, ademais de 3 final test de 3 minutos nos que se presentarán proxectos innovadores. Trátase dunha iniciativa única en Galicia e en España que xa reuniu a máis de 1.100 profesionais nas súas diferentes edicións. Ademais, durante a celebración deste evento presentaranse os premios “Inventa a túa comunicación”.

Esta é a quinta ocasión na que o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este evento organizado pola empresa Escuela Inventa e que conta coa colaboración do Concello de Ames. Trátase dun evento que é aberto ata completar o aforo de 120 persoas, previa inscrición na páxina web de www.escuelainventa.com.

O alcalde de Ames, José Miñones, participará na apertura do evento xunto co xerente de Santiago Sur Galicia, Francisco Villar. Tanto o alcalde como a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destacan a importancia de colaborar con este tipo de iniciativas, tendo en conta que Escuela Inventa sitúase no propio parque empresarial do Novo Milladoiro, un polígono que é referencia tanto pola calidade das súas empresas no sector audiovisual e tecnolóxico, como de empresas de servizos, ademais do sector empresarial de todo o concello.

Por outra banda, o director de Escuela Inventa, Eloy Gesto, destaca a colaboración do Concello e convida a todas as persoas que queiran gozar e asistir a unha xornada onde o valor da comunicación de cada un dos participantes é o verdadeiro protagonista, lembrando que as prazas están limitadas a 120 persoas.

O obxectivo da novena edición do Lab Class é axudar a comprender a importancia da comunicación na empresa, na sociedade, nas institucións, etc., e demostrar que as persoas que o propoñen poden mellorar a súa comunicación, a través de experiencias, aprendizaxes, novas visións, historias, ideas e proxectos. Para os relatores é un final de seminario de alto rendemento cunha proba real nun evento ao que asisten máis de 110 persoas e supón un punto de inflexión na súa comunicación e o inicio dun camiño para atopar a confianza, naturalidade, autenticidade e comprensión da comunicación.

No evento participarán 10 relatores, que corresponden a 7 momentos inspiradores de 11 minutos, ademais de 3 final test, intervencións de 3 minutos nas que se presentarán proxectos innovadores, para que o público poida coñecer solucións que resolven problemas do mercado e as persoas.

Intervencións
Rafa Villaverde, xerente e fundador de Infonet, o seu relatorio é In-Seguridade 2.0; Alejandro Díaz, CEO e fundador de Vagalume Enerxía, o seu relatorio é Autoconsumo: historia dun Marciano; Nita Baeza, socia directora de BYB Asesores, o seu relatorio é Líderes silenciosos; Iago Fortes, managing director de Inprosec, o seu relatorio é Son Viquingo; Diego G. Regueira, socio director do Grupo Qualigal, o seu relatorio é En perigo de extinción; David Conde, co-founder de TWIBEX35.com, o seu relatorio é E ti, es alexitímico?; e Carlos Carrión, presidente das Adegas Paco e Lola, o seu relatorio é Facer unha marca de éxito sen sabelo.

O final test, que foron introducidos como novidade na oitava edición da Lab Class, contan coa participación de Javier Badás de ITELSIS, Fernando Blanco de B13 Seguros, e Fernando Gundin, de Inplanor S.L.

Premios Inventa a túa comunicación
Ademais, durante a celebración da novena edición da Lab Class farase a presentación oficial da primeira edición dos premios Inventa a túa comunicación, que se fallarán integrados no evento Primeiro foro Inventa a túa comunicación. En palabras de Eloy Gesto, directo de Escuela Inventa, “con estes galardóns non se buscan gurús da comunicación, senón que se pretende atopar aos mellores comunicadores, persoas sinxelas que son capaces de transmitir para as persoas”.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Lab Class sobre a comunicación con Inventa hoxe para O Milladoiro"