[28-12-2017] Este venres comeza a programación de un “Nadal de Cine”, que inclúe a proxección de seis filmes dirixidos a nenos/as e mozos/as. Deste xeito, o día 29 de decembro proxectaranse os filmes “Capitán Calzóns, o seu primero peliculón”, “A Momia” (versión 2017) e “Nunca apagues a luz”, mentres que o 4 de xaneiro poderanse ver as películas “Gru 3, o meu vilán favorito”, “Rogue One: unha historia de Star Wars”, e “The Conjuring II. Expediente Warren: o caso Enfield”. As proxección realizaranse nas Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. As entradas, que teñen un prezo de 2 euros para maiores de idade e de 1 euro para menores de 18 anos, están á venda na Billeteira electrónica.
Este venres, 29 de decembro, terá lugar a primeira das xornadas de cinema encadradas dentro da programación de Nadal. A actividade, que se presenta baixo o nome dun “Nadal de Cine”, inclúe a proxección de seis filmes dirixidos a nenos/as e mozos/as. A sesión do día 29 comezará coa exhibición da longametraxe Capitán Calzóns, o seu primeiro peliculón, ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O filme, que estará destinada a un público de todas as idades, narrará a historia de dous escolares moi travesos que hipnotizarán ao director da súa escola para convertelo nun heroe de cómic: Capitán Calzóns.
De seguido, ás 19:00 horas, proxectarase o filme A Momia, a versión do ano 2017, na Casa da Cultura do Milladoiro. A longametraxe, que é protagonizada polo actor estadounidense Tom Cruise, relata a historia dunha antiga raíña momificada que un día, repentinamente, desperta da morte. Cunha maldade acumulada ao longo dos anos, a raíña espalla o terror desde Oriente Media ata Europa. O filme A Momia está recomendado para mozas e mozos maiores de 12 anos.
Por último, o día 29 proxectarase o filme de terror máis votado pola mocidade na enquisa que foi realizada na páxina web municipal. Nunca apagues a luz resultou, finalmente, a opción máis votada cun total do 47% dos votos, polo que será exhibida ese día na Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste filme abórdase a historia de Rebecca, unha moza que é perseguida desde nena por Diana, un ser estraño que só a pode atacar na escuridade e que está relacionada coa súa propia nai. Ademais, agora que Rebecca xa é adulta, Diana está a atacar ao seu irmán pequeno.
Proxección de filmes para o 4 de xaneiro
A segunda das xornadas cinematográficas, que se desenvolverá o 4 de xaneiro, abrirase coa proxección do filme infantil Gru 3, o meu vilán favorito. Será ás 17:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta terceira parte, Gru deberá enfrontarse a Balthazar Pratt, que demostrará ser o seu peor inimigo ata o momento. Ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a exhibición de Rogue One: Unha historia de Star Wars, que estará dirixida a un público maior de 7 anos. Este spin-off relatará a construción da arma máis poderosa polo Imperio Galáctico, coñecida como a Estrela da Morte, e os plans dun grupo de rebeldes para roubala. Este filme está ambientado entre os episodios III e IV de Star Wars.
A última proxección será o 4 de xaneiro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura Milladoiro. O filme proxectado será The Conjuring II. Expediente Warren: o caso Enfield, que quedou en segundo lugar na enquisa realizada na páxina web municipal co 18% dos votos. Trátase dunha secuela do exitoso filme Expediente Warren do ano 2013. A longametraxe aborda, de maneira real, a investigación que levan a cabo os demónologos Ed e Lorraine Warre, para axudar a unha nai que vive xunto cos seus catro fillos nunha casa chea de espíritos malignos.
As entradas para as proxeccións xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O prezo por cada entrada será de 1 euro para menores de 18 anos e de 2 para maiores de idade. De igual maneira, as entradas tamén se poderán adquirir desde unha hora antes do comezo das proxeccións nas propias Casas da Cultura municipais. A Billeteira electrónica pechará dúas horas antes do comezo de cada proxección. Cada persoa poderá adquirir un máximo de catro entradas.