Pestanas principais

Este venres comeza a segunda edición do Festival de verán "Encontros Culturais no Pazo" coa actuación do grupo Os Cempés, da Cé Orquestra Pantasma e da Requinta da Amaía

Mércores, 02 de xullo de 2014

[02-07-2014] O Concello de Ames desenvolverá durante a primeira quincena do mes de xullo a segunda edición do Festival de verán "Encontros Culturais no Pazo 2014". O certame comeza este venres, 4 de xullo, coa actuación da Cé Orquestra Pantasma, do grupo amiense A Requinta da Amaía, e do grupo Os Cempés, que presentará o seu último disco, Tentemozo. Para o vindeiro venres, 11 de xullo, está programada unha actuación de Dani García, que representará o espectáculo Don Gelati. Tamén se representará o espectáculo Os sons do vento que pasa, a cargo de Gonçalo Guerreiro, e como colofón, o grupo Leilía ofrecerá un concerto no que presentará o seu último traballo, CONsentimento. Todas estas actividades realizaranse nos exteriores do Pazo da Peregrina. Este evento conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, do programa Cultura no Camiño 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.


O programa do festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2014 comeza este venres, 4 de xullo, ás 20:00 horas coa actuación de Cé Orquestra Pantasma. Trátase dun espectáculo de animación musical. O clásico home orquestra na súa versión para os máis pequenos, con divertidas melodías e cantigas infantís para que participen xogando, cantando e bailando. De seguido, ás 21:30 horas, actuará o grupo amiense A Requinta da Amaía, que impartirá un obradoiro baseado na participación do público no que, con música en directo, aprenderá unha serie de xogos e danzas de grupo sinxelas e tamén pasos de bailes agarrados (pasodobre, valse, polca, mazurca...).

A actuación principal do primeiro día do festival será o concerto de Os Cempés, que comezará ás 22:30 horas. Este grupo presentará o seu último disco, Tentemozo. O repertorio é unha selección de músicas para bailar, as máis fermosas coplas e as mellores melodías do cancioneiro popular, arranxadas polo propio grupo, agás as novas composicións.

Programa da segunda xornada do festival
O festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2014 continuará o venres 11 de xullo. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 20:00 horas coa actuación de Dani García, que representará o espectáculo Don Gelati, unha comedia máxica onde a expresión corporal substitúe ás palabras e a comunicación co público é constante e dinámica. Principalmente, é un espectáculo de maxia de rúa con grande mobilidade.

Ás 21:30 horas comezará o espectáculo Os sons do vento que pasa, que correrá a cargo de Gonçalo Guerreiro. Trátase dun concerto de fados-pop cantados en galego. Este concerto está promovido pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Os fados acompañados de guitarra eléctrica e pedal de loops, gardan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto á mocidade coma o resto dos públicos.

A segunda xornada deste festival pecharase, ás 22:30 horas, cun concerto do grupo Leilía, que presentará o seu último traballo chamado CONsentimento. Máis de vinte anos despois do seu debut, Leilía volve sorprendernos cun espectáculo maduro e fiel ás súas raizames. Unha coidadosa posta en escena e una orixinal instrumentación sitúan a CONsentimento entre as propostas máis interesantes da música de raíz actual.

Obxectivos do festival de verán
O festival de verán, Encontros Culturais no Pazo 2014 ten o obxectivo de impulsar a nosa cultura e a nosa lingua achegándolle á cidadanía produtos culturais de calidade en lingua galega para todos os públicos, especialmente para a mocidade e para un público familiar, debido ás características específicas da poboación deste concello. Tamén se pretende fomentar o interese pola música tradicional, colaborando así na preservación do noso patrimonio inmaterial; dinamizar o e dar a coñecer o patrimonio do Concello de Ames, enchendo de contido cultural un marco singular como é o Pazo da Peregrina de Bertamiráns; e potenciar a participación da cidadanía nas actividades de lecer, de xeito que o público asistente teña un papel activo e non quede só en consumidor pasivo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A música dos Cempés soará no segundo festival dos Encontros culturais no Pazo da Peregrina"