Pestanas principais

Este venres comeza a programación de teatro infantil coa representación do espectáculo “O aloumiño dunha estrela”

Mércores, 01 de febreiro de 2017

[01-02-2017] Este venres, 3 de febreiro, comeza a programación de teatro infantil de 2017 coa representación do espectáculo “O aloumiño dunha estrela” a cargo da compañía AvoaYouja. Trátase dun espectáculo destinado a un público infantil de 0 a 4 anos. Haberá dous pases no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, un ás 17:00 horas e outro ás 18:00 horas. As entradas para esta obra de teatro xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.

A compañía AvoaYouja presenta un espectáculo de danza-teatro, con música en directo, que convida aos bebés a interactuar a través dos estímulos sensoriais. Se estarricamos moito os brazos cara ao ceo, parécenos que lles tocamos ás estrelas coa punta dos dedos… Parece cousa imposible, non si? Nesta viaxe sensorial, co arrolo da música da arpa e seguindo uns zapatos vermellos, farase o posible para que as cativas e os cativos gocen da poesía das imaxes ata rabuñar a bóveda celeste.

A representación deste espectáculo, que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, enmárcase dentro da programación teatral do Concello de Ames para o primeiro semestre de 2017, así como dentro do programa Apego, que está dirixido á familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos. Neste caso o espectáculo O aloumiño dunha estrela está destinado a un público infantil de 0 a 4 anos. Haberá dous pases de 40 minutos cada un; ás 17:00 horas e ás 18:00 horas. A autoría, elenco artístico, dirección, deseño de son, deseño de iluminación, vestiario e música corren a cargo de Marta Faílde e Fran Martínez, mentres que da escenografía encárgase Leonardo Llamas.

As entradas para esta obra de teatro xa están á venda na Billeteira electrónica. Tamén se poden mercar as entradas, de xeito anticipado e presencial, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, dirixíndose aos postos de conserxería e coa axuda dos técnicos do departamento de Cultura, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas. Ademais, resérvase o 10% das entradas para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.