- Tematica
Esta semana dá comezo a programación do Ames Cultural para os meses de outubro e novembro e decembro, que está formada por espectáculos de danza, teatro, proxeccións de cine; o festival de maxia de Ames FESTIMAX; o festival de cine infantil Cinema Miúdo; e a celebración de Santa Icía. A primeira actividade é o Festival Imperdible de improvisación, que se vai a celebrar o venres 9 no Milladoiro e o sábado 10 en Bertamiráns. Poderanse ver os espectáculos de Colectivo do Flow e As Teimas co espectáculo Bibidibabidibú. Pódese consultar máis información, así como adquirir as entradas para este festival premendo nesta ligazón.
A programación de outono do Ames Cultural bota a andar esta fin de semana co Festival Imperdible de improvisación, que este ano chega a súa sexta edición, e presenta unha programación expandida nas xornadas do venres 9 e do sábado 10, fóra de Santiago de Compostela, chegando ao concello de Ames.
Deste xeito, o venres 9 de outubro o Colectivo do Flow estará, desde as 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Representará un show dirixido a un público adulto e que xirará en torno da improvisación e do xogo, entre retos absurdos, cancións, historias de detectives e moito máis. Trátase da primeira vez que acollemos en Ames a este divertido elenco galego cheo de boa vibra e bo rollo, que de seguro ofrecerán un bo momento para todos os asistentes.
O sábado, 10 de outubro, poderase desfrutar do espectáculo Bibidibabidibú, a cargo das fadas coñecidas como As Teimas, ás 20.30 horas na Cada da Cultura de Bertamiráns. As Teimas encherán a Casa da Cultura de maxia para cumprir os desexos de tódalas persoas que se lles acheguen, así que non dubides en visitalas! Este espectáculo tamén está dirixido a un público adulto, divertido, riquiño e participativo, co que as risas están garantidas.
Presentación de Fran Pérez Narf Canto Sentido
O xoves, 15 de outubro, a programación seguirá na Casa da Cultura de Bertamiráns, coa presentación do libo Fran Pérez Narf Canto Sentido coa participación do autor, Xelís de Toro, e a artista Uxía. O acto dará comezo a partir das 20.00 horas. O representante da produtora Central Folque, (quen publica o libro) Ramón Piñeiro, sinala que “Fran deixou unha pegada grande non só en Galicia, senón en Portugal, Mozambique, Guinea Bissau,e nunha morea de países máis”.
Festimax
Do 22 ao 25 de outubro a maxia será a protagonista co XXI Festival internacional de Maxia de Ames “FestiMax”, unha das actividades que máis éxito teñen entre a veciñanza amesá. Os espectáculos representaranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
A súa ampla programación reúne espectáculos moi diversos e para tódalas idades, dende os máis cativos do concello e tamén para os maiores. Ao longo destas xornadas desenvolveranse obradoiros de maxia a cargo de Samuel Moreno, así como o prato forte da proposta, a Gran Gala Internacional de Maxia, presentada por Dani Polo e na que participarán magos de de fóra de Galicia e internacionais.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Festival Imperdible de improvisación inaugura este venres o Outono Cultural en Ames"








