[02-07-2015] O Concello de Ames desenvolverá durante a primeira quincena do mes de xullo a terceira edición do Festival de verán "Encontros Culturais no Pazo 2015". O certame comeza este venres, 3 de xullo, coas actuacións de Xoán Curiel, que está acompañado da banda Son+d2, e de Xosé Manuel Budiño, que presentará o seu último traballo: Sotaque. Para o vindeiro venres, 10 de xullo, están programadas as actuacións de Paco Nogueiras e da gran fadista portuguesa María do Ceo. Todas os concertos realizaranse nos xardíns do Pazo da Peregrina. Estas actuacións están subvencionadas pola Rede Cultural da Deputación da Coruña e pola Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.
O programa do festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2015 comeza este venres 3 de xullo, ás 20:30 horas coa actuación de Xoán Curiel e a banda Son+d2, que porán en escena o espectáculo Estamos no verán!!! Na presentación deste festival, Xoán Curiel, destacou que “van a representar o espectáculo Estamos no verán!!!, que é un espectáculo en banda que está incluído dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2015, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia”.
Curiel tamén explicou que é “unha función moi completa con danza, música en directo e elementos de teatro, que está dirixida aos cativos pero que tamén lle vai gustar aos maiores porque hai moitos estilos como a bossa nova ou o funky. En definitiva, é un espectáculo dinámico e moi participativo no que os rapaces van a pasar un anaco de tempo moi entretido”.
A actuación principal do primeiro día do festival será o concerto de Xosé Manuel Budiño, que comezará ás 22:30 horas, e no que presentará o seu último traballo: Sotaque, que foi gravado no seu estudio “Ardora” e mesturado e masterizado nos estudios “Atlântico Blue Studios de Lisboa”. Este traballo de composición propia reflexa a impronta da música tradicional e en especial da percusión galega, sempre tocada e pulida a man, xunto coa utilización da electrónica co acento característico de Budiño, co seu Sostaque. Trátase dun álbum conceptual onde as diferentes gaitas, percusións e voces galegas teñen a labor de marcar o ritmo ao longo de nove músicas compostas por Budiño máis unha peza tradicional, chea de sutileza e vitalidade.
Xosé Manuel Budiño doulle as grazas ao Concello de Ames por poder actuar neste festival de verán. O músico galego manifestou “síntome agradecido porque fun habitante de Ames e tratáronse moi ben. Tiña ganas de volver a Ames para representar o meu espectáculo. Basicamente vou facer o espectáculo do novo disco que se chama Sotaque”. Ademais, Budiño explicou que “o seu espectáculo inclúe a actuación de varios artistas convidados como son Isaac Palacín, que estará na percusión, Alfonso Merino que estará co seu violín, Fernando Barroso, que se ocupará dos instrumentos de corda, e Xabier Díaz, que interpretará as súas músicas tradicionais”.
Programa da segunda xornada do festival
O festival de verán Encontros Culturais no Pazo 2015 continuará a seguinte semana, o venres 10 de xullo. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 20:30 horas coa actuación de Paco Nogueiras, que representará o espectáculo Brinca Vai! (de aquí a acolá). Nogueiras porá en escena unha función de música infantil cos ritmos máis diversos (electrónica, pop, folk, reggae, rock). Brinca Vai! De aquí a acolá é un espectáculo baseado no libro-CD-DVD “Brinca Vai!”, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.
A segunda xornada deste festival pecharase, ás 22:30 horas, cun concerto da gran fadista portuguesa María do Ceo, que actualmente xa está considerada como a sucesora de Amalia Rodrigues, tanto no estilo, como na interpretación. Esta artista interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos, fados tradicionais e algunha composición feita especificamente para ela. Destacan interpretacións como a da canción María la portuguesa, coñecido tema de Carlos Cano, cantado nunha versión en portugués que emocionou ao escoitala á propia viúva do falecido cantante andaluz. Os excepcionais músicos que a acompañan nos seus concertos, dan forma a un espectáculo de gran calidade musical que destaca polos seus matices, sensibilidade, e a sempre doce voz de María do Ceo, onde entenderemos de inmediato a identidade cultural luso-galaica.




