Pestanas principais

Este venres a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a representación da última obra da compañía Eme2, O florido pénsil

Mércores, 14 de decembro de 2011

[14-12-2011] A Concellaría de Cultura xa ten pechada a programación teatral do mes de decembro. A veciñanza amiense poderá gozar de catro representacións teatrais repartidas entre as Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais está pensada tanto para o público infantil como adulto. Esta programación está incluída dentro das obras de teatro que ofrece a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Ao mesmo tempo o Concello de Ames forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o que permite traer a Ames obras de teatro de gran calidade e sona como é o caso da peza teatral O florido pénsil da compañía Eme2, que se está representando nos mellores salóns de teatro de Galicia.

No mes de decembro a programación teatral comezará ao grande xa que a Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o 16 de decembro, ás 21:00 horas, a representación da última obra da compañía Eme2, O florido pénsil, que conta cun elenco de luxo. Esta obra está dirixida por Fernando Bernués e Mireia Gabilondo, vinculados á compañía vasca Tantakka Teatroa e interpretada polos actores Xosé Manuel Olveira 'Pico', Antonio Durán 'Morris', Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra. Trátase dunha obra que adapta o texto orixinal de Andrés Sopeña sobre a educación no franquismo en clave humorística. A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) é o principal impulsor desta adaptación ao contexto galego da obra, estreada en 1996 en castelán, con posteriores versións en euskera e catalán, e que suman máis de 3.000 representacións en total.

Para a época de Nadal hai tres representacións. A compañía As Dríadas representará a obra IN-NOVA, Danza Moderna e Hip-Hop. As Dríadas innovan un espectáculo de fusións no que o hip-hop, new estyle e a danza moderna son os protagonistas. Complementado con outros estilos, este espectáculo pretende expresar a liberdade e a espontaneidade da mocidade. Este espectáculo será representado na Casa da Cultura do Milladoiro o luns 26 de decembro, ás 17:00 horas, e o xoves 29 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra está pensada para todos os públicos.

Entre estas dúas representacións a compañía Teatro del Andamio volverá a levar o teatro infantil á Casa da Cultura de Bertamiráns. O martes 27 de decembro, ás 17:00 horas, representará a peza Area e auga. Hai xente que bebe area, pero non porque lles guste, senón porque nunca probaron a auga. ¿Que se conta? O que lle pasa a catro persoas que viven a cada lado dunha parede e un día empezan a vincularse cos seus veciños. ¿Que se rescata? O valor de vencer o medo, as situacións novas e descoñecidas ás que nos enfrontamos a diario.