[06-10-2016] O Concello de Ames e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, organizaron para este venres, 7 de outubro, unha actividade de observación astronómica no Rego dos Pasos, ao final do paseo fluvial de Bertamiráns. Esta actividade, que se desenvolverá a partir das 20:45 horas, está dirixida a todos os públicos. Nesta sesión astronómica os participantes poderán observar a Lúa, os planetas Marte e Saturno, así como varias estrelas dobres. Esta actividade enmárcase dentro do programa de divulgación astronómica en Galicia, Todocosmos. Non é necesaria inscrición previa. Será unha sesión aberta a todas as persoas que desexen participar.
Este venres 7 de outubro, a partir das 20:45 horas, persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da USC, acudirá a Bertamiráns para realizar unha observación pública no paseo do Rego dos Pasos. A actividade, gratuíta e de libre participación, está enmarcada no programa TODOCOSMOS de divulgación do que participa o Concello de Ames. Esta actividade ía realizarse o pasado 10 de setembro, pero debido as condicións meteorolóxicas que houbo ese día foi necesario aprazala para o mes de outubro.
As persoas que se acheguen mañá, a partir das 20:45 horas, ata o Rego dos Pasos, situado ao final do paseo fluvial de Bertamiráns, poderán observar estrelas dobres, a lúa, Marte e Saturno. Farano acompañados por membros do Observatorio da USC, impulsor do programa “A Astronomía ao alcance de todos”. Trátase dunha colaboración entre a universidade e diversos concellos, entre os que se atopa Ames, coa realización de distintas actividades.
Esta é a cuarta observación astronómica que se organiza no municipio amesán, a primeira tivo lugar o 11 de marzo en Bertamiráns, a segunda o 5 de xullo no Alto de San Marcos, e a terceira o 13 de xullo na Travesía do Porto do Milladoiro.
Difusión da ciencia astronómica
O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.
Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "La Astronomía al alcance de todos: colaboración Universidad-Ayuntamientos-Organismos Públicos y Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT para o ano 2016, e no que participan así mesmo os concellos de Allariz, Ames, Boqueixón, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo, Vedra e Vila de Cruces, así como a empresa Óptica Val.