Pestanas principais

Este venres, 5 de xullo, comeza o festival de verán Encontros Culturais no Pazo cun concerto de Roi Casal e co espectáculo de rúa Peter Punk

Xoves, 04 de xullo de 2013

[04-07-2013] O Concello de Ames ten programado para este mes de xullo a primeira edición dun festival de verán que leva por nome Encontros Culturais no Pazo. O certame comeza este venres, 5 de xullo, cun concerto de Roi Casal e co espectáculo de rúa Peter Punk. Para o vindeiro venres, 12 de xullo, está programado un obradoiro de danza e un concerto a cargo do grupo Pesdelán. Este evento está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Rede de Dinamización Lingüística. O festival foi presentado o pasado martes, 2 de xullo, polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, que estiveron acompañados polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e por varios dos artistas que participarán neste festival.

O programa do festival de verán 'Encontros Culturais no Pazo' comeza este venres ás 20:00 horas coa actuación de Peter Punk, que representará un espectáculo de rúa no que combina as máis variadas técnicas circenses cun humor adaptado á realidade e á lingua galegas. Esta actividade, programada pola Rede de Dinamización Lingüística, é unha adaptación para fins de promoción da lingua doutra xa existente. Agora ofrece novos diálogos e números para presentar o idioma propio de Galicia como parte esencial da vida cotiá dos galegos.

Xa pola noite, a partir das 22:00 horas, será a quenda do artista galego Roi Casal, que presentará xunto coa súa banda o seu último traballo, titulado 'Maxicamente vello' e co que realizou unha xira de máis de 50 concertos. Roi Casal é músico, compositor e cantante galego que toca a arpa céltica, a zanfona e o bouzouki. Formado co mestre Rodrigo Romaní e no Conservatorio Superior de Música de Madrid, entrou a formar parte do grupo Milladoiro no ano 2000. Tras case unha década no grupo, no ano 2009 inicia a súa carreira en solitario coa publicación de 'Lendas douradas', disco galego máis vendido dese ano. En febreiro de 2011 publicou o seu segundo traballo, 'Maxicamente vello', no que de novo realiza unha interpretación da música galega desde unha visión contemporánea.

Obradoiro e concerto a cargo de Pesdelán
O festival de verán 'Encontros Culturais no Pazo' continuará a próxima semana, o venres 12 de xullo. Nesta ocasión, o tema central da xornada será o baile, que chegará da man do grupo Pesdelán. Ás 20:00 horas, Pesdelán, integrado por sete membros, ofrecerá no Pazo da Peregrina un obradoiro de danza ao que poden asistir todas as persoas interesadas. Seguidamente, ás 22:00 horas, ofrecerán unha actuación que leva por título 'Na punta do pé'.

O grupo Pesdelán nace da unión de músicos, bailadores e mestres de coñecidas formacións musicais de Galicia e Portugal (Berrogüeto, Leilía, Susana Seivane Grupo, etc). O seu repertorio abrangue temas tradicionais galegos arranxados de xeito orixinal e divertido. Mediante a música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos, pretende recuperar o espírito participativo das festas. O seu obxectivo é substituír o concepto de público espectador polo de público participante.

A concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, destacou que o festival de verán “nace con moita ilusión, con vontade de continuidade e con vocación de converterse nunha cita ineludible dentro do panorama cultural galego”. A concelleira subliñou, ademais, os obxectivos cos que nace este festival: “impulsar e dinamizar a nosa cultura, dar a coñecer o noso patrimonio enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostar pola música emerxente galega e potenciar o papel activo da cidadanía nas actividades culturais”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Este venres, 5 de xullo, comeza o festival de verán Encontros Culturais no Pazo en Ames"