[12-08-2016] A concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil, organizou unha nova actividade para o período estival. Neste caso ofrécese unha ruta nocturna en kaiak polas Fervenzas do Ézaro para este venres 12 de agosto. Este evento tivo unha gran demanda por parte da veciñanza amesá. Un total de 40 persoas, que estarán divididas en dous grupo de 20 usuarios/as participarán nesta atractiva actividade que se desenvolve por un lugar dunha gran beleza paisaxística e ambiental.
O kaiak é un dos deportes de auga que máis adeptos está gañando nos últimos tempos. Pero se a iso lle engadimos que a ruta en kaiak é nocturna e por un lugar dunha beleza tan singular como son as Fervenzas do Ézaro, a actividade resultante ten unhas características moi particulares e atractivas. Esta é unhas das propostas que lanzou a concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil, para este verán de 2016.
A actividade desenvolverase este venres, 12 de agosto, na fervenza do Ézaro. Un autobús sairá ás 20:30 horas dende a Casa da Cultura do Milladoiro e fará parada ás 20:45h na praza do Concello, en Bertamiráns. A chegada ao Ézaro está prevista para as 22:30 horas. Deste xeito, ás 23:00h comezará a ruta do primeiro grupo (20 persoas). A continuación, ás 00:00h realizarase a ruta do segundo grupo que estará composto por outros 20 participantes. A duración aproximada da ruta en kaiak é dunha hora.
Para poder participar nesta actividade é necesario ter 16 ou máis anos e saber nadar. Aínda así tamén poden participar os mozos/as de 12 a 16 anos, sempre que vaian acompañados/as dun adulto/a. Os participantes deben ir provistos de roupa cómoda, un cortavento ou chaqueta de auga, traxe de baño, toalla e escarpíns ou calzado deportivo (tenis) que se poidan mollar. O resto do equipo será facilitado pola empresa encargada desta actividade.




