Pestanas principais

Este venres, 4 de outubro, comeza a VIII Mostra de Teatro Afeccionado

Luns, 30 de setembro de 2013

[30-09-2013] Un ano máis, e xa van oito, o Concello de Ames organiza unha mostra de teatro afeccionado. Este festival xa se está convertendo nunha referencia para todos os grupos de teatro afeccionado da comarca e de parte de Galicia e pouco a pouco vai espertando o interese de todas as persoas que gozan vendo este tipo de espectáculos. Esta mostra permite que todos os grupos que actúan sen ánimo de lucro poidan dispoñer dun escenario para representar as obras que preparan con tanto interese e esforzo. Ademais, esta mostra sérvelles de promoción e axuda para darse a coñecer. Os auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán catro obras de teatro durante todo o mes de outubro.

A oitava edición da mostra de teatro afeccionado comeza este venres, 4 de outubro, e desenvolverase ao longo de todo o mes. Este ano, participarán catro grupos de teatro dos municipios de Ames, Vedra, Negreira e Muros, que contarán cos auditorios das Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro para poder desenvolver as súas representacións. Deste xeito, a mostra de teatro afeccionado organizada pola Concellaría de Cultura bota a andar un ano máis demostrando así o compromiso do Concello co desenvolvemento de actividades culturais de marcado carácter participativo.

A través deste pequeno festival a Concellaría de Cultura pretende promocionar, dar a coñecer e darlles aos grupos de teatro afeccionado un escenario onde poidan expresarse e representar as súas pezas teatrais. Ao mesmo tempo achégalles aos amienses espectáculos que están fóra dos circuítos comerciais pero que teñen un grande interese.

Os encargados de abrir a mostra serán os integrantes do grupo municipal de teatro de Vedra. A compañía Andaravía teatro que interpretará a peza teatral 'A República de Gundián'. Esta peza teatral recrea unha situación vivida no ano 2031, centenario da Segunda República Española, nunha aldea situada nun recuncho do río Ulla. Os veciños/as desta aldea desafían ao estado español cun ultimato radical: ou soberanía fiscal ou independencia. A cita teatral terá lugar este venres, 4 de outubro, ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta obra está recomendada para maiores de 12 anos e ten unha duración aproximada de 100 minutos.

O venres, 11 de outubro, será a quenda da Escola Municipal de Teatro de Negreira. A partir das 21:00 horas, interpretarán na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra 'Nun tren', que está escrita e dirixida por Sandra Lesta. 'Nun tren' son historias de reencontros e desencontros, de amor, odio, comedia e traxicomedia. Historias de persoas dentro da historia do mundo co escenario dun tren como motor e testemuña.

A mostra de teatro continuará o venres 18 de outubro no Milladoiro. O grupo Aquelando Teatro de Muros amosará ao público amiense a súa obra 'Integral'. A función terá lugar ás 21:00 horas. 'Integral' é o último texto teatral de Roberto Vidal Bolaño, escrito a petición da Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón quen o levou por primeira vez a escena. Nesta obra de teatro están algunhas das constantes teatrais de RVB; a querencia polos personaxes marxinais e derrotados, un realismo cru e directo, a presenza dun humor retranqueiro e filosófico, a fantasía, o soño e a ilusión por un mundo mellor. 'Integral' amosa que a vida está chea de teatralidade e que acotío se usa para sobrevivir dignamente.

Grupo municipal de teatro de Ames
Para rematar a mostra, o venres 25 de outubro, chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo municipal de teatro de Ames coa súa última produción 'Véndese'. A actuación terá lugar a partir das 21:00 horas. 'Véndese' é unha adaptación feita por Mónica Camaño do texto 'Segunda mano' de Dulce Chacón, unha das súas achegas teatrais alén da novela e da poesía. Nesta obra de teatro asistimos a un percorrido de homes e mulleres na procura de felicidades que poidan ser compradas e vendidas, un abano de vontades que insisten na solución mercantilista como resposta a un fatalismo adobiado de absurda ironía.

Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as cinco últimas montaxes do grupo. O elenco artístico está composto por Pablo de Prado, Maica Couto, Carmela Pardal, Emilia Mayo, Pilara Gómez, Pablo Nimo, Tati Duro, Carlos Labraña, Patricia Quintiá e Paz Romai.

Maxia e música en directo
Esta fin de semana tamén comeza a programación de actividades dirixidas ao público infantil. A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 4 de outubro, ás 18:30 horas, o espectáculo de música e maxia en directo denominado 'Martín Camiña: corcheas, semifusas e ilusións'. Esta actuación está dirixida a un público familiar. Xa se pode facer a reserva de entradas a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "El teatro aficionado vuelve a Ames y Vedra"