Pestanas principais

Este venres, 30 de maio, celébrase o acto de clausura das Escolas deportivas municipais no pavillón de Bertamiráns

Mércores, 28 de maio de 2014

[28-05-2014] O Concello de Ames pon fin este venres, 30 de maio, ao programa de escolas deportivas que se está desenvolvendo dende o pasado mes de outubro. O acto de clausura comezará a partir das 16:30 horas no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Os nenos e nenas que participaron neste programa deportivo desenvolverán varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso. Así haberá exhibicións de patinaxe, aeróbic, predeporte, judo, ximnasia rítmica, ballet, baloncesto e tenis. A empresa Eulen Sport é a encargada de impartir estas actividades deportivas ás que asisten tanto nenos/as coma adultos.

Chegado o mes de maio o Concello de Ames clausura unha nova edición do programa das escolas deportivas. Este acto terá lugar este sábado, 30 de maio, a partir das 16:30 horas no pavillón polideportivo de Bertamiráns. O deporte e os obradoiros culturais son unha boa forma de desenvolver unha vida saudable e adquirir valores tan importantes como a deportividade, o respecto e a tolerancia. Por este motivo, o Concello de Ames aposta ano tras ano polo desenvolvemento destas actividades que sempre acadan uns resultados moi positivos.

Os nenos e nenas que participaron neste programa realizarán varias exhibicións. Ás 16:30 h comezará o acto coa presentación de todos os nenos e nenas que participarán neste evento. Trala presentación iranse intercalando as exhibicións dos rapaces e rapazas. Realizaranse varias exhibicións sobre os deportes que practicaron durante este curso os rapaces e rapazas de Ames.

Ás 17:00 horas realizaranse as exhibicións dos catro grupos de patinaxe de Bertamiráns e ás 17:20 tocaralle a quenda aos rapaces e rapazas dos tres grupos de patinaxe do Milladoiro. Para rematar co patinaxe actuará o grupo de Barouta. A continuación, sairán á pista do pavillón de Bertamiráns o grupo de aeróbic de Barouta. Ás 17:55 h realizarán a súa exhibición os rapaces e rapazas de predeporte e ás 18:05 h os usuarios/as da escola deportiva de judo. Entre as 18:15 h e as 18:45 horas aproximadamente, haberá exhibicións dos grupos de ximnasia rítmica e ballet de Bertamiráns e do Milladoiro. O acto rematará coa intervención dos rapaces e rapazas que practican baloncesto e tenis.

Durante este curso, as escolas deportivas municipais de Ames ofertaron tres novas actividades: judo, ballet e ximnasia rítmica coas que se incrementou a oferta deportiva destinada ás nenas. O programa das escolas deportivas e dos obradoiros incluíu 12 actividades deportivas; 4 actividades físicas para adultos; e 5 obradoiros culturais.

No apartado de escolas deportivas impartíronse as actividades de ballet, baloncesto, fútbol sala, fútbol sala feminino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, tenis de mesa, voleibol e ximnasia rítmica. No campo de actividade física para adultos, o programa incluíu ximnasia de mantemento; aeróbic; pilates; e spinning, abdominais e glúteos. Ademais, impartíronse cinco obradoiros culturais diferentes: bailes de salón; teatro; manualidades; xadrez; e baile e música tradicional.