Pestanas principais

Este venres 29 de novembro representarase “Nube nube sol” na Casa da Cultura do Milladoiro

Luns, 25 de novembro de 2019

O próximo venres representarase no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo de teatro musical “Nube nube sol”, destinado a crianzas de 0 a 4 anos. Haberá dúas sesións, unha ás 17.00 horas e outra as 18.00 horas. As entradas xa se encontran dispoñibles na billeteira electrónica do concello. Teñen un prezo de 4 euros a xeral e de 2 euros a reducida.

Nesta obra a cargo de Teatro ao Cubo, as nubes chegan, chove, e fai sol. A natureza desperta para encherse de cores. Baixo o amparo dos paraugas encontraremos agocho, bailaremos, cantaremos, e acompañados de pintorescos animais seremos parte da mesma paisaxe. A través do corpo, os xestos, o canto e a música, Sofía Espiñeira e Roberto Casal aportan á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e importancia da choiva para que todo medre.

Teatro ao Cubo xorde en 2016 a partir das forzas creativas de tres artistas: Sofía Espiñeira, Roberto Casal Mouriño e Alfredo Pérez Muiño. Os tres veñen dunha formación distinta en diversas disciplinas escénicas. Co teatro de actor como eixo común pasando pola danza, o circo, os monicreques e a música, estes tres artistas conforman unha compañía multidisciplinar.

Xunto a José Luís Baños de Cos comparten durante un tempo un espazo creativo que lles sirve á vez de local de ensaio e de lugar no que poñer en común as súas inquietudes. Será neste espazo de convivencia e baixo este pretexto, o de sumar e formar equipo, onde nace a compañía Teatro ao Cubo. En setembro do 2018 estrean a súa máis recente creación: “Nube Nube Sol”, unha proposta teatral para a primeira infancia.

As entradas, que xa se encontran dispoñibles na billeteira electrónica do concello, poderanse comprar a través da páxina ata dúas horas antes da función. Teñen un prezo de 4 euros a entrada xeral e de 2 euros a reducida, destinada a maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. O 10% do aforo do auditorio poderá mercarse no auditorio da Casa da Cultura dende unha hora antes do comezo da obra. O máximo de entradas por persoa é de 4.

Nube nube sol