[23-10-2013] A VIII Mostra de Teatro Afeccionado chega ao seu fin coa representación da obra Véndese, que será representada polo grupo municipal de teatro de Ames. Esta cita teatral será ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A entrada é de balde. Véndese é o nome da última peza que preparou este grupo de teatro afeccionado, que naceu hai dez anos en forma dun obradoiro de interpretación. Deste xeito, péchase unha nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado, que encheu de teatro as casa da cultura do Milladoiro e de Bertamiráns durante o mes de outubro.
Este venres, 25 de outubro, remata a VIII Mostra de Teatro Afeccionado da man do grupo municipal de teatro de Ames, que representará a súa última produción 'Véndese'. Este festival xa se converteu nunha referencia para todos os grupos de teatro afeccionado da comarca e de parte de Galicia e pouco a pouco vai espertando o interese de todas as persoas que gozan vendo este tipo de espectáculos. Esta mostra permitiu que catro grupos que actúan sen ánimo de lucro puideran dispoñer dun escenario para representar as obras que preparan con tanto interese e esforzo. Ademais, esta mostra sérvelles de promoción e axuda para darse a coñecer.
Por este festival pasaron catro grupos de teatro dos municipios de Ames, Vedra, Negreira e Muros. Os encargados de abrir a mostra foron os integrantes do grupo municipal de teatro de Vedra, que actuaron o venres 4 de outubro. A compañía Andaravía teatro interpretou a peza teatral 'A República de Gundián'. O venres, 11 de outubro, foi a quenda da Escola Municipal de Teatro de Negreira, que interpretou a obra 'Nun tren'. A mostra de teatro continuou o venres 18 de outubro no Milladoiro. O grupo Aquelando Teatro de Muros puxo en escena a obra 'Integral'.
Grupo municipal de teatro de Ames
Para rematar a mostra, o venres 25 de outubro, chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo municipal de teatro de Ames coa súa última produción 'Véndese'. A actuación terá lugar a partir das 21:00 horas. 'Véndese' é unha adaptación feita por Mónica Camaño do texto 'Segunda mano' de Dulce Chacón, unha das súas achegas teatrais alén da novela e da poesía. Nesta obra de teatro asistimos a un percorrido de homes e mulleres na procura de felicidades que poidan ser compradas e vendidas, un abano de vontades que insisten na solución mercantilista como resposta a un fatalismo adobiado de absurda ironía.
Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as cinco últimas montaxes do grupo. O elenco artístico está composto por Pablo de Prado, Maica Couto, Carmela Pardal, Emilia Mayo, Pilara Gómez, Pablo Nimo, Tati Duro, Carlos Labraña, Patricia Quintiá e Paz Romai.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Acercan el mejor teatro hasta Ames, Arzúa, Brión y Tabeirós"
El Correo Gallego: "Remata a Mostra de Teatro Afeccionado da man do grupo municipal de teatro de Ames"




