[23-05-2013] O Concello de Ames pon punto e final este venres, 24 de maio, á programación que se preparou para conmemorar as Letras Galegas durante o mes de maio. A compañía Teatro Antroido representará, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro a obra “BailadELAS”. Trátase dun espectáculo que está dirixido por Roi Vidal Ponte e Xavier Estévez e interpretado pola actriz Laura Ponte, impulsora xunto con Roberto Vidal Bolaño da compañía Teatro Antroido, revivida para esta produción onde a persoa e os personaxes de Roberto Vidal Bolaño protagonizan esta obra. As entradas xa poden reservarse ata este venres, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.
A programación dedicada ás Letras Galegas rematará o venres 24 de maio, unha xornada na que a compañía de teatro Antroido presentará na Casa da Cultura do Milladoiro o seu espectáculo BailadELAS. Esta obra, que se poderá ver a partir das 21:00 horas, está dirixida por Xavier Estévez e foi escrita por Roi Vidal, sobre textos do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Laura Ponte é a actriz protagonista de BailadELAS, encargada de interpretar nesta montaxe as personaxes femininas inspiradas en cinco textos do dramaturgo ao que neste 2013 se lle dedicou o Día das Letras Galegas.
Roi Vidal e Laura Ponte realizan a dramaturxia deste espectáculo inspirándose nos personaxes femininos de seis textos de Roberto Vidal Bolaño como son: Laudamuco, Señor de ningures, Bailadela da morte ditosa, Saxo tenor, Días sen gloria, Rastros e Criaturas. Este espectáculo fala da importancia da muller bolañesa e tenta indagar nas liñas mestras que caracterizan os seus personaxes femininos, demostrando ata que punto a muller atopa en todo o conxunto bolañés un papel en sintonía coa constante exaltación da dignidade humana e a loita pola liberdade presentes ao longo de toda a súa obra.
Reserva de entradas
As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata este venres, 24 de maio, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.




