[20-09-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acolle mañá, venres 21 de setembro, ás 21.00 horas, a representación da obra Fillos do Sol, escrita e dirixida por Cándido Pazó. A peza, interpretada por César Cambeiro, Adrián Ríos e Alba Bermúdez, é unha elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión co poema épico Os Eoas, que ocupou case toda a súa vida literaria e que nunca viu publicada. As entradas, que poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros, en tarifa xeral, e 2,5 euros na reducida.
Fillos do Sol xira en torno a un octoxenario Eduardo Pondal que nos seus últimos anos, comesto pola neurose, vese obrigado a enfrontarse ás súas dúbidas e medos creativos. Esta confrontación represéntase mediante a relación que o anciá entaboa coas dúas personaxes que o acompañan. Por un lado, Eduardo, unha representación do propio poeta cando era xove e comezaba a súa carreira literaria, que nace da súa perturbación, e por outra Rosa, unha xove criada da pensión na que o bardo se encontra aloxado, que representa a vida real e diaria.
Esta elucubración teatral, que se encontra a medio camiño entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática, converte ao espectador, ao longo de 75 minutos, en testemuña directa da obsesión do protagonista co poema épico Os Eoas, que ocupou case toda a súa vida literaria e que nunca viu publicado.
A peza, coa que a compañía de teatro galega Contraproducións está recorrendo Galicia, chega á Casa da Cultura do Milladoiro este venres, 21 de setembro, ás 21.00 horas, destinada a un público adulto. As entradas, que xa poden adquirirse a través da Billeteira electrónica, teñen un custo de 5 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. Asemade, o 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo.
Contido relacionado

Compostela 24 horas: "Teatro no Milladoiro este venres con "Fillos do sol""




