Pestanas principais

Este venres, 18 de outubro, desenvolverase a terceira xornada da VIII Mostra de Teatro Afeccionado coa actuación do grupo Aquelando Teatro de Muros

Mércores, 16 de outubro de 2013

[16-10-2013] Este venres, 18 de outubro, continúa a VIII Mostra de Teatro Afeccionado na Casa da Cultura do Milladoiro coa actuación do grupo Aquelando Teatro de Muros, que representarán a obra "Integral". Esta cita teatral será ás 21:00 horas. A entrada é de balde. Este mesmo día, pero na Casa da Cultura de Bertamiráns, haberá teatro infantil. A compañía Producións dispersas representará a obra de teatro infantil, "Na procura da canción perdida". Esta función será ás 18:30 horas e está dirixida a público familiar. A reserva de entradas para este espectáculo pódese realizar ata ás 14:00 horas do venres 18 de outubro.

A mostra de teatro continúa este venres 18 de outubro no Milladoiro. O grupo Aquelando Teatro de Muros representará ante o público amiense a súa última obra, 'Integral'. A función terá lugar ás 21:00 horas. 'Integral' é o último texto teatral de Roberto Vidal Bolaño, escrito a petición da Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón quen o levou por primeira vez a escena. Nesta obra de teatro están algunhas das constantes teatrais de RVB; a querencia polos personaxes marxinais e derrotados, un realismo cru e directo, a presenza dun humor retranqueiro e filosófico, a fantasía, o soño e a ilusión por un mundo mellor. 'Integral' amosa que a vida está chea de teatralidade e que acotío se usa para sobrevivir dignamente.

Para rematar a mostra, o próximo venres 25 de outubro, chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo municipal de teatro de Ames coa súa última produción 'Véndese'. A actuación terá lugar a partir das 21:00 horas. 'Véndese' é unha adaptación feita por Mónica Camaño do texto 'Segunda mano' de Dulce Chacón, unha das súas achegas teatrais alén da novela e da poesía. Nesta obra de teatro asistimos a un percorrido de homes e mulleres na procura de felicidades que poidan ser compradas e vendidas, un abano de vontades que insisten na solución mercantilista como resposta a un fatalismo adobiado de absurda ironía.

Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as cinco últimas montaxes do grupo. O elenco artístico está composto por Pablo de Prado, Maica Couto, Carmela Pardal, Emilia Mayo, Pilara Gómez, Pablo Nimo, Tati Duro, Carlos Labraña, Patricia Quintiá e Paz Romai.

Teatro infantil
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 18 de outubro, ás 18:30 horas, a representación da obra de teatro infantil Na procura da canción perdida, unha produción da compañía Producións dispersas. Nesta obra preténdese que os nenos lle axuden a personaxe protagonista da historia a atopar a súa canción de ir durmir. Para iso terán que axudarlle a compoñer unha canción, tanto a música como a letra. O público tamén forma parte da obra, xa que coa súa participación colabora a que a personaxe logre o seu obxectivo. A música axuda a fomentar a creatividade e psicomotricidade dende idades moi temperás. É unha das artes máis presentes na vida cotiá das familias.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 18 de outubro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Este venres desenvolverase a terceira xornada da VIII Mostra de Teatro Afeccionado"
El Correo Gallego: "Teatro para Vimianzo, Lalín, Ames, Fisterra, Teo y Carballo"