[12-03-2013] A compañía Os Quinquilláns representa este venres 15 de marzo, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns a súa última produción, Merlín. A través desta peza teatral os nenos e nenas achéganse á fantástica literatura Artúrica. En Merlín combínase a interpretación actoral con cancións, batallas, pequenas maxias e algún boneco que acompaña aos actores na aventura que viven por Avalón, a “Illa das mazás”. Ademais, ao longo desta semana uns 1.144 alumnos/as de primaria do CEIP de Ventín, CEIP Agro do Muíño, Colexio Alca, CEIP de Barouta e do CEIP A Maía está participando nos contacontos de Artur e Morgana, que está representando esta semana en Ames a compañía Os Quinquilláns. Os contos comezaron este luns, 11 de marzo, no CEIP de Ventín e rematarán o xoves no CEIP da Maía. Hoxe tocoulle a quenda ao alumnado do CEIP Agro do Muíño.
O espectáculo Merlín é unha montaxe para gozar e compartir o entusiasmo polo teatro onde predomina o respecto á cultura e á natureza. A través desta peza teatral os nenos e nenas achéganse á fantástica literatura Artúrica que encheu a imaxinación das xentes desde hai mil anos con personaxes tan coñecidos como Lanzarote, Galván, a raíña Xenebra, Uther Pendragón, Nineve, Mondred e por suposto Merlín, Morgana e o Rei Artur... En Merlín combínase a interpretación actoral con cancións, batallas, pequenas maxias e algún boneco que acompaña aos actores na aventura que viven por Avalón, a “Illa das mazás”.
Esta obra está escrita por Lucho Penabade, mentres que da dirección encargase o propio Lucho Penabade e Tero Rodríguez. O reparto está composto por Pepe Soto, Inacio, Tero Rodríguez e Lucho Penabade. Na sinopse da obra explícase que o argumento da obra xira arredor de Furaventos, que arriba a súa dorna na praia das Tebras sen sospeitar que está en Avalón, a mítica illa onde, grazas ás mazás da inmortalidade, Merlín, Morgana e o rei Artur levan vivindo mil cincocentos anos. O intrépido Furaventos terá que sortear moitos atrancos porque en Avalón nunca se sabe o que pode ocorrer.
As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.
Contos de Artur e Morgana
A compañía Os Quinquilláns estivo hoxe durante toda a mañá no CEIP Agro do Muíño para contarlle aos alumnos e alumnas deste centro os contos de Artur e Morgana. Nesta actividades participaron un total de 270 alumnos e alumnas de 1º, 2º, 3º, 4º, 5º, 6º de educación Primaria. No CEIP Agro do Muíño, realizáronse tres pases de 45 minutos cada un.
Mañá, Artur e Morgana, estarán no Colexio Alca onde 150 alumnos/as gozarán dos contos, e no CEIP de Barouta, no que participarán 122 alumnos/as. O xoves, 14 de marzo, remata esta actividade no CEIP A Maía. Neste centro haberá dúas sesións de contos nos que participarán 150 alumnos/as. Esta actividade foi proposta polo Concello de Ames aos centros de ensino amienses. O contos de Artur e Morgana enmárcanse dentro da peza teatral Merlín, a última produción da compañía Os Quinquilláns.





