Pestanas principais

Este venres, 15 de abril, entréganse os premios do campionato de tute no que participaron 18 parellas

Xoves, 14 de abril de 2016

[14-04-2016] Este venres, 15 de abril, entregaranse os premios ás tres mellores parellas da cuarta edición do campionato de tute do Concello de Ames. O acto de entrega vaise celebrar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 21:00 horas. Trala entrega ofreceranse uns petiscos. Este acto forma parte da programación deportiva trimestral que acaba de publicar o Concello de Ames.

O tute é un dos xogos de cartas con máis tradición en Galicia. Son moitos os que sentan arredor dunha mesa para pasar un anaco de tempo entretido xogando a este xogo de cartas. Por iso, dende o Concello de Ames, a través da concellaría de Deportes, organizaron un campionato de tute, que se desenvolveu na cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns entre o 3 de febreiro e o 1 de abril. Neste campionato participaron un total de 18 parellas.

O campionato xogouse durante dous meses. As partidas disputáronse dous días á semana na cafetería da Casa da Cultura de Bertamiráns. Unha vez rematado o torneo xa se coñecen os gañadores. A parella campioa foi a formada por José Castro e Manuel Núñez; a segunda mellor parella compóñena José Blanco e Manuel Dosantos; e Manuel Vidal e Manuel de la Fuente foron os que acadaron a terceira posición deste campionato de tute.