Pestanas principais

Este venres, 11 de xullo, remata a iniciativa comercial "Merca, Tapea e Gaña!!!" cunha festa no aparcadoiro da Travesía do Porto

Xoves, 10 de xullo de 2014

[10-07-2014] Dende o pasado, 4 de xullo, estase desenvolvendo no Milladoiro o evento comercial “Merca, Tapea e Gaña!!!”, que está organizado pola Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI). Ata o venres, 11 de xullo, ofrécense importantes descontos nas tendas do Milladoiro e a veciñanza pode gozar das tapas que serven os bares desta mesma localidade. Este venres, 11 de xullo, remata esta iniciativa comercial cunha festa no aparcadoiro da Travesía do Porto, que está situado na esquina coa rúa Agriños. Con esta actuación preténdese impulsar o sector hostaleiro e o comercio local do Milladoiro. Nesta iniciativa participan 66 establecementos comerciais e hostaleiros.

A Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI) está desenvolvendo a iniciativa Merca, Tapea e Gaña!!!, que comezou o pasado 4 de xullo e remata este venres, 11 de xullo, cunha festa no aparcadoiro da Travesía do Porto do Milladoiro. Esta iniciativa está dividida en dúas partes que se complementan: Merca, con descontos e promocións nas tendas, e Tapea, con ruta de tapas nos establecementos hostaleiros.

Segundo informan dende a Asociación de Empresarios do Milladoiro (AEMI) con esta iniciativa preténdese dinamizar tanto o sector do comercio como a hostalaría local, así como ofrecerlle aos clientes, veciños e visitantes unha oferta comercial e de ocio atractiva.

Os comercios están ofrecendo prezos especiais e descontos, mentres que os locais hostaleiros organizaron un concurso de tapas. Neste concurso elixiranse as tres tapas gañadoras entre os locais participantes. O primeiro premio estará dotado de 350 euros; o segundo premio son 150 euros, e o local que prepare a terceira mellor tapa levará 50 euros. Ademais, os tres locais hostaleiros gañadores recibirán un diploma acreditativo do posto acadado no devandito concurso.

Ademais dos comercios e locais hostaleiros, tamén participan nesta campaña 4 concesionarios de vehículos e o Centro Dental Macía, que ofertan varios descontos e agasallos.

Este evento comercial remata este venres, 11 de xullo, cunha festa no aparcadoiro da Travesía do Porto, que está situado na esquina coa rúa Agriños. De acordo coa información facilitada por AEMI, esta festa comezará a partir das 17:00 horas, e contará cunha actuación musical, con diferentes actividades e animación para nenos e nenas. Tamén se realizará a entrega dos premios ás mellores tapas e haberá un sorteo de agasallos.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Finaliza con una fiesta en Milladoiro la campaña «Merca e Tapea»"