Pestanas principais

Este venres, 11 de xullo, continúa o Festival de verán "Encontros Culturais no Pazo" coa actuación do grupo Leilía, Dani García e Gonçalo Guerreiro

Mércores, 09 de xullo de 2014

[09-07-2014] O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, está desenvolvendo durante a primeira quincena do mes de xullo o festival “Encontros Culturais no Pazo”. Este evento pretende impulsar e dinamizar a cultura galega, dar a coñecer o noso patrimonio enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostar pola música emerxente galega e potenciar o papel activo da cidadanía nas actividades culturais. O festival comezou o pasado 4 de xullo coas actuacións da Cé Orquestra Pantasma e do grupo amiense A Requinta da Amaía. Para este venres, 11 de xullo, está programado un concerto do grupo Leilía, e as actuacións de Dani García e Gonçalo Guerreiro. Este evento estase desenvolvendo nos exteriores do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

O festival de verán Encontros Culturais no Pazo continúa este venres 11 de xullo. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 20:00 horas coa actuación de Dani García, que representará o espectáculo Don Gelati, unha comedia máxica onde a expresión corporal substitúe ás palabras e a comunicación co público é constante e dinámica. Principalmente, trátase dun espectáculo de maxia de rúa con grande mobilidade.

Ás 21:30 horas comezará o espectáculo Os sons do vento que pasa, que correrá a cargo de Gonçalo Guerreiro. Trátase dun concerto de fados-pop cantados en galego, que está dirixido a todos os públicos. As cantigas deste espectáculo, acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de sedutores xogos de iluminación, conservan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto os mozos coma os non tan mozos.

Deste xeito, o espectador mergúllase nun universo rítmico e melódico que viaxa do divertimento á nostalxia, do rock á canción de amor, do pop á música tradicional, sen deixar nunca de ser fado. Esta é unha actividade que se enmarca dentro do programa FalaRedes, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos da Rede de Dinamización Lingüística.

Concerto do grupo Leilía
A segunda xornada deste festival pecharase, ás 22:30 horas, cun concerto do grupo Leilía, que presentará o seu último traballo chamado CONsentimento. Máis de vinte anos despois do seu debut, Leilía volve sorprendernos cun espectáculo maduro e fiel ás súas raizames. Unha coidadosa posta en escena e una orixinal instrumentación sitúan a CONsentimento entre as propostas máis interesantes da música de raíz actual.

Este evento, que está organizado polo Concello de Ames, conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, do programa Cultura no Camiño 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

Obxectivos do festival de verán
O festival de verán, Encontros Culturais no Pazo 2014 ten o obxectivo de impulsar a nosa cultura e a nosa lingua achegándolle á cidadanía produtos culturais de calidade en lingua galega para todos os públicos, especialmente para a mocidade e para un público familiar, debido ás características específicas da poboación deste concello. Tamén se pretende fomentar o interese pola música tradicional, colaborando así na preservación do noso patrimonio inmaterial; dinamizar o e dar a coñecer o patrimonio do Concello de Ames, enchendo de contido cultural un marco singular como é o Pazo da Peregrina de Bertamiráns; e potenciar a participación da cidadanía nas actividades de lecer, de xeito que o público asistente teña un papel activo e non quede só en consumidor pasivo.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames, a prol da cultura"
El Correo Gallego: "Ames alberga en A Peregrina los Encontros Culturais"