Pestanas principais

Este venres, 11 de outubro, continúa a VIII Mostra de Teatro Afeccionado da man da Escola Municipal de Teatro de Negreira

Mércores, 09 de outubro de 2013

[09-10-2013] Este venres, 11 de outubro, continúa a VIII Mostra de Teatro Afeccionado na Casa da Cultura de Bertamiráns coa actuación dos membros da Escola Municipal de Teatro de Negreira, que representarán a obra "Nun tren". Esta cita teatral será ás 21:00 horas. A entrada é de balde. Este mesmo día, pero na Casa da Cultura do Milladoiro, haberá teatro infantil. As compañías Eme2 e Teatro Gorakada representarán o espectáculo infantil "O príncipe e o parrulo". Esta función será ás 18:30 horas e está dirixida a público familiar (nenos e nenas a partir dos tres anos). A reserva de entradas para este espectáculo pódese realizar ata ás 14:00 horas do venres 11 de outubro.

O pasado venres, 4 de outubro, botou a andar a VIII Mostra de Teatro Afeccionado cun gran éxito de público. A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a representación da obra de teatro 'A República de Gundián', que foi interpretada polos membros do grupo municipal de teatro de Vedra, Andaravía teatro. Para este venres, 11 de outubro, está previsto que se desenvolva a segunda xornada da VIII Mostra de Teatro Afeccionado.

Nesta ocasión será a quenda da Escola Municipal de Teatro de Negreira. A partir das 21:00 horas, interpretarán na Casa da Cultura de Bertamiráns a obra 'Nun tren', que está escrita e dirixida por Sandra Lesta. 'Nun tren' son historias de reencontros e desencontros, de amor, odio, comedia e traxicomedia. Historias de persoas dentro da historia do mundo co escenario dun tren como motor e testemuña.

A mostra de teatro continuará o venres 18 de outubro no Milladoiro. O grupo Aquelando Teatro de Muros amosará ao público amiense a súa obra 'Integral'. A función terá lugar ás 21:00 horas. 'Integral' é o último texto teatral de Roberto Vidal Bolaño, escrito a petición da Escola de Teatro do Padroado de Cultura de Narón quen o levou por primeira vez a escena. Nesta obra de teatro están algunhas das constantes teatrais de RVB; a querencia polos personaxes marxinais e derrotados, un realismo cru e directo, a presenza dun humor retranqueiro e filosófico, a fantasía, o soño e a ilusión por un mundo mellor. 'Integral' amosa que a vida está chea de teatralidade e que acotío se usa para sobrevivir dignamente.

Grupo municipal de teatro de Ames
Para rematar a mostra, o venres 25 de outubro, chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo municipal de teatro de Ames coa súa última produción 'Véndese'. A actuación terá lugar a partir das 21:00 horas. 'Véndese' é unha adaptación feita por Mónica Camaño do texto 'Segunda mano' de Dulce Chacón, unha das súas achegas teatrais alén da novela e da poesía. Nesta obra de teatro asistimos a un percorrido de homes e mulleres na procura de felicidades que poidan ser compradas e vendidas, un abano de vontades que insisten na solución mercantilista como resposta a un fatalismo adobiado de absurda ironía.

Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O vestiario e a escenografía correu a cargo dos propios actores e o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as cinco últimas montaxes do grupo. O elenco artístico está composto por Pablo de Prado, Maica Couto, Carmela Pardal, Emilia Mayo, Pilara Gómez, Pablo Nimo, Tati Duro, Carlos Labraña, Patricia Quintiá e Paz Romai.

Teatro infantil
A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres 11 de outubro, ás 18:30 horas, a representación da obra de teatro infantil O Príncipe e o parrulo, unha coprodución de Eme2 coa compañía de bonecos e actores Gorakada. Este espectáculo mestura as marionetas coa interpretación de dúas actrices, Rocío González e Lucía Regueiro, para contar unha fermosa historia sobre o valor da amizade e a solidariedade. A posta en escena é simple pero esconde un gran traballo, así como a música, composta por Fran Lasuen, que terá un papel protagonista. A dirección do espectáculo corre a cargo de Alex Díaz.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres 11 de outubro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.