Pestanas principais

Este venres 11 de novembro volven as festas do Magosto ao Milladoiro e a Barouta

Martes, 08 de novembro de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, colabora na organización de dúas festas do Magosto que se van a celebrar este venres, 11 de novembro, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e no campo da festa do San Amaro de Barouta. Haberá música, obradoiros, xogos populares e produtos típicos de outono como castañas asadas, chourizos e doces. Estas dúas festas do magosto están organizadas polo CEP de Ventín e a ANPA As Brañas e polo CEIP de Barouta e a ANPA San Mauro. No magosto do Milladoiro tamén colabora a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

A Concellaría de Cultura, en colaboración coas ANPAS, asociación de veciños e outros colectivos, quere destacar a importancia do magosto como unha das festas máis populares do noso territorio coas tradicionais degustacións de castañas. Con esta colaboración preténdese ademais de darlle difusión a esta tradicional festa, incentivar o asociacionismo dentro do concello. Segundo a concelleira de Cultura o asociacionismo en Ames goza dunha excelente saúde e as asociacións están facendo unha importante labor social e cultura no noso concello.

Deste xeito, volve a festa do Magosto ao Milladoiro. Será este venres, 11 de novembro, da man do grupo de familias do CEP de Ventín. Nesta actividade colabora a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), o Concello de Ames e maila ANPA As Brañas. A festa realizarase na praza de Manuel Murguía dende as 18.00 horas. Haberá DJ e combos musicais da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA). As persoas que acudan poderán degustar castañas, chourizos e doces e tamén haberá servizo de cantina. Ademais, farase o sorteo dunha Nintendo switch e doutros premios.

Por outra banda, o alumnado de sexto curso de educación primaria do CEIP de Barouta tamén organiza unha festa do Magosto para este venres, 11 de novembro, co obxectivo de recadar fondos para a excursión de fin de curso. Comezará a partir das 17.00 horas e se chove haberá carpa. Neste caso organízase no campo da festa do San Amaro de Barouta. Organizan o CEIP de Barouta, a ANPA San Mauro e mailo Concello de Ames. Ademais, de comer castañas as persoas que asistan poderán participar en diferentes obradoiros e xogos populares. A música correrá a cargo do grupo As Maianas, que ofrecerá un concerto.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca que “dende o Concello inténtase fomentar o asociacionismo e por iso colaboramos en iniciativas como estas intentando achegar medios que dende as propias asociacións nos demandan como grupos musicais, carpas, materiais, taboleiros, etc. As festas do magosto son unha tradición que non debemos perder e por iso apoiamos estas iniciativas. Neste caso dende a Concellaría de Cultura colaboramos cedendo as carpas que se van a montar e tamén coas actuacións musicais”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Magostos en Barouta e O Milladoiro este venres"

AMS GO!: "Venres de Magosto en Ames"

Nas actividades do Magosto haberá música, obradoiros, xogos populares e produtos típicos de outono

Multimedia

  • Este venres 11 de novembro volven as festas do Magosto ao Milladoiro e a Barouta
  • Este venres 11 de novembro volven as festas do Magosto ao Milladoiro e a Barouta