Pestanas principais

Este venres, 10 de xullo, continúa o Festival de verán "Encontros Culturais no Pazo" coa actuación da fadista portuguesa María do Ceo e de Paco Nogueiras

Xoves, 09 de xullo de 2015

[09-07-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Cultura, está desenvolvendo durante a primeira quincena do mes de xullo o festival “Encontros Culturais no Pazo”. Este evento pretende impulsar a cultura e a lingua galegas, dar a coñecer outros estilos musicais e dinamizar e dar a coñecer o noso patrimonio enchendo de contido o Pazo da Peregrina, apostando pola música emerxente galega e potenciando o papel activo da cidadanía nas actividades culturais. Para este venres, 10 de xullo, están programadas as actuacións da gran fadista tradicional, María do Ceo, e de Paco Nogueiras (música infantil con ritmos diversos: pop, folk, reggae, rock). Este festival estase desenvolvendo nos exteriores do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

O festival de verán Encontros Culturais no Pazo continúa este venres 10 de xullo. Nesta ocasión, a xornada comezará ás 20:30 horas coa actuación de Paco Nogueiras, que representará o espectáculo Brinca Vai! (de aquí a acolá). Nogueiras porá en escena unha función de música infantil cos ritmos máis diversos (electrónica, pop, folk, reggae, rock). Brinca Vai! De aquí a acolá é un espectáculo baseado no libro-CD-DVD “Brinca Vai!”, editado por Kalandraka Editora, no que se combinan cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.

A segunda xornada deste festival pecharase, ás 22:30 horas, cun concerto da gran fadista portuguesa María do Ceo, que actualmente xa está considerada como a sucesora de Amalia Rodrigues, tanto no estilo, como na interpretación. Esta artista interpretará algúns dos seus temas máis coñecidos, fados tradicionais e algunha composición feita especificamente para ela.

Destacan interpretacións como a da canción María la portuguesa, coñecido tema de Carlos Cano, cantado nunha versión en portugués que emocionou ao escoitala á propia viúva do falecido cantante andaluz. Os excepcionais músicos que a acompañan nos seus concertos, dan forma a un espectáculo de gran calidade musical que destaca polos seus matices, sensibilidade, e a sempre doce voz de María do Ceo, onde entenderemos de inmediato a identidade cultural luso-galaica.

Obxectivos do festival de verán
O festival de verán, Encontros Culturais no Pazo 2015 ten o obxectivo de impulsar a cultura e a lingua galega, achegándolle á cidadanía produtos culturais de calidade en galego para todos os públicos, especialmente para a mocidade e para un público familiar, debido ás características específicas da poboación deste concello.

Tamén se pretende fomentar o interese pola música tradicional, colaborando así na preservación do noso patrimonio inmaterial; dinamizar o e dar a coñecer o patrimonio do Concello de Ames, enchendo de contido cultural un marco singular como é o Pazo da Peregrina de Bertamiráns; e potenciar a participación da cidadanía nas actividades de lecer, de xeito que o público asistente teña un papel activo e non quede só en consumidor pasivo.