[31-03-2016] A concellaría de Educación e Cultura de Ames informa da apertura de prazo para a solicitude de praza nas escolas infantís de titularidade municipal (EIM O Bosque de Bertamiráns e EIM A Madalena do Milladoiro). Son susceptibles de matricularse os nenos e nenas que teñan entre tres meses e tres anos. O prazo permanecerá aberto entre os días 1 e 15 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Unha vez adxudicada a praza abrirase o prazo de formalización de matrícula entre os días 1 e 15 de xuño. A túa dereita, baixo o apartado de descargas, podes acceder á información sobre a documentación necesaria para realizar a solicitude.
As escolas infantís municipais ofertan novas prazas para que as familias interesadas poidan deixar aos seus fillos e fillas nestes centros durante o seu horario de traballo. As dúas escolas infantís dispoñen de 209 prazas, pero este non é número total de prazas dispoñibles porque moitas xa están ocupadas polos nenos e nenas de 1 e 2 anos que pasan de curso. Estas escolas están capacitadas con todo tipo de instalacións para cubrir perfectamente todas as necesidades do alumnado: sala de berces, comedor, cociña, lavandería, un almacén e aseos, sen esquecer un parque infantil exterior para os xogos dos máis pequenos.
As clases distribúense por franxas de idades: de 0 a 1 anos, de 1 a 2 anos e de 2 a 3 anos. Nas escolas infantís municipais son susceptibles de ser admitidos todos os nenos e nenas que teñen entre tres meses e tres anos, sempre e cando cumpran os tres anos antes do 31 de decembro de 2016.
Tramitación da solicitude de praza
As familias que desexen solicitar praza nalgunha das escolas infantís municipais deberán entregar unha fotocopia do DNI do proxenitor ou proxenitores e 2 fotocopias compulsadas do libro de familia completo. Todas as compulsas de documentos pódense realizar nos rexistros das oficinas municipais situadas en Bertamiráns ou no Milladoiro. No caso de familias monoparentais deberase entregar a sentenza de separación ou divorcio, o convenio regulador ou a resolución de medidas paterno-filiais segundo o caso. No de familias numerosas presentaranse 2 fotocopias, compulsadas, do libro de familia.
Deberase entregar ademais, segundo proceda, documentación que xustifique o estado de ocupación ou desemprego dos responsables legais do neno ou nena a matricular. Para a xustificación de ocupación actualizada entregarase: no caso de traballadores por conta allea unha fotocopia da última nómina, no caso de traballadores autónomos a fotocopia do último recibo de pagamento da cota á seguridade social e, no caso de traballadores por conta propia, a fotocopia do último recibo de pagamento da cota da correspondente mutualidade.
No caso de presentar a xustificación de desemprego actualizada poderanse depositar a certificación de ser demandante de emprego, na que se especifiquen as altas e baixas e con efectos do día anterior ao 1 de abril de 2016, ou o certificado do INEM que acredite se se recibe algún tipo de prestación.
No caso de situacións distintas ás dúas anteriormente descritas entregarase, segundo proceda, a fotocopia compulsada da renda de integración social de Galicia (RISGA) ou a autorización asinada para a consulta de datos tributarios que figuran en poder da Axencia Estatal de Administración Tributaria. O persoal da escola na que se realice a petición de praza solicitará de oficio un certificado de empadroamento e convivencia. Ademais de toda a documentación mencionada deberase entregar unha autorización asinada das normas da escola.
Prazo de matrícula: do 1 ao 15 de xuño
A mediados do mes de maio publicaranse as listas provisionais de admitidos/as e haberá un prazo de dez días para presentar posibles reclamacións. Posteriormente, entre o 1 e o 15 de xuño abrirase o prazo de matrícula. Unha vez aceptada a solicitude, os nenos/as admitidos na escola presentarán seis fotografías tamaño carné, a fotocopia do calendario de vacinas, a fotocopia da tarxeta sanitaria e o certificado médico.
Para máis información, os interesados ou interesadas poden dirixirse aos propios centros: a EIM O Bosque situada no número 28 da Avenida da Peregrina, en Bertamiráns; e a EIM A Madalena situada no número 16 da Praza da Madalena, no Milladoiro. Tamén se pode chamar aos números de teléfono 981 891 111 e 981 538 433, respectivamente.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Abren el plazo para optar a 209 plazas de alumnos en ambas escuelas municipales"
La Voz de Galicia:"Las guarderías municipales tramitan desde hoy las reservas de plaza"




