Pestanas principais

Este sábado preséntase o libro "Como axudo a Antón?" na biblioteca municipal do Milladoiro

Venres, 01 de decembro de 2017

[01-12-2017] O sábado, 2 de decembro, terá lugar, ás 12:30 horas, a presentación de "Como axudo a Antón?" na biblioteca municipal do Milladoiro. A obra, que é un traballo colectivo de catro persoas diferentes, aborda o acoso escolar desde unha perspectiva psicolóxica. Alén diso, o vindeiro luns, 4 de decembro, a biblioteca do Milladoiro tamén acollerá unha charla-debate acerca da elección dos videoxogos para este Nadal. A actividade, que está organizada pola Nova Escola Galega, correrá a cargo da pedagoga Silvia López Gómez.

Como axudo a Antón? é un traballo colectivo de Jorge López Penas e do seu fillo Martín, de 13 anos, en colaboración coa ilustradora Eva Rieiro e coa psicóloga Isabel Ponte. O conto, que conta con diferentes animais como personaxes principais, aborda o acoso escolar desde unha perspectiva psicolóxica. A obra, cuxo obxectivo é que o alumnado de Primaria debata sobre esta problemática, será presentada este sábado, 2 de decembro, ás 12:30 horas, na biblioteca municipal do Milladoiro. 

Ademais, a biblioteca municipal do Milladoiro tamén acollerá o vindeiro luns, 4 de decembro, ás 19:00 horas, a charla-debate Videoxogos polo Nadal? Como elixilos. A actividade que está organizada pola Nova Escola Galega, correrá a cargo da pedagoga Silvia López Gómez. Nela afondarase nos mellores criterios a seguir á hora de escoller estes artigos.