Pestanas principais

Este sábado haberá unha observación astronómica no paseo do Rego dos Pasos en Bertamiráns

Martes, 06 de setembro de 2016

[06-09-2016] O Concello de Ames e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, organizaron para este sábado, 10 de setembro, unha actividade de observación astronómica no Rego dos Pasos, en Bertamiráns. Esta actividade, que se desenvolverá a partir das 21:30 horas, está dirixida a todos os públicos. Nesta sesión astronómica os participantes poderán observar a Lúa, os planetas Marte e Xúpiter, así como varias estrelas dobres. Esta actividade enmárcase dentro do programa de divulgación astronómica en Galicia, Todocosmos. Non é necesaria inscrición previa. Será unha sesión aberta a todas as persoas que desexen participar. A actividade está pendente das condicións meteorolóxicas, polo que a súa realización confirmarase o venres na páxina web municipal.

Este sábado 10 de setembro, a partir das 21:30 horas, persoal do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da USC, acudirá a Bertamiráns para realizar unha observación pública no paseo do Rego dos Pasos. A actividade, gratuíta e de libre participación, está enmarcada no programa TODOCOSMOS de divulgación do que participa o Concello de Ames.

As persoas que se acheguen o sábado a partir das 21:30 horas ata o paseo do Rego dos Pasos poderán observar estrelas dobres, a lúa, Marte e Saturno. Farano acompañados por membros do Observatorio da USC, impulsor dor programa “A Astronomía ao alcance de todos”. Trátase dunha colaboración entre a universidade e diversos concellos, entre os que se atopa Ames, coa realización de distintas actividades.

Esta é a cuarta observación astronómica que se organiza no municipio amesán, a primeira tivo lugar o 11 de marzo en Bertamiráns, a segunda o 5 de xullo no Alto de San Marcos, e a terceira o 13 de xullo na Travesía do Porto do Milladoiro.

Difusión da ciencia astronómica
O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.

Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "La Astronomía al alcance de todos: colaboración Universidad-Ayuntamientos-Organismos Públicos y Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT para o ano 2016, e no que participan así mesmo os concellos de Allariz, Ames, Boqueixón, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo, Vedra e Vila de Cruces, así como a empresa Óptica Val.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Observación astronómica de balde dende o Rego dos Pasos de Bertamiráns"