Pestanas principais

Este sábado estréase o Festival ARTE`N`RÚA en Bertamiráns

Mércores, 14 de xuño de 2017

[14-06-2017] Durante este sábado, 17 de xuño, desenvolverase, ao longo do día, en Bertamiráns, o festival ARTE`N` RÚA, con obradoiros de arte urbana e un espectáculo multidisciplinar. A xornada comezará ás 12:00 horas cos obradoiros e rematará pola tarde, coa actuación do mago Xacobe e os concertos do grupo de música infantil A Gramola Gominola e do trío musical Os Tres Tenedores. Unha iniciativa divertida e chea de ritmo para pasar o día en familia.

Este sábado, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o ritmo será o grande protagonista. Haberá desde hip hop e ragga ata rock e moito máis. A xornada comezará ás 12:00 horas cos obradoiros de graffiti, beatbox e danza urbana. A actividade de graffiti está destinada a nenas e nenos a partir dos 8 anos, a de beatbox é para nenas e nenos a partir dos 5 anos e, por último, o de danza urbana está orientado para aquelas e aqueles que teñan cumpridos os 3 anos de idade.

Tanto o obradoiro de beatbox coma o de danza urbana contará con dous grupos, que desenvolverán a actividade ao longo dunha hora (un dos grupos participará de 12:00 a 13:00h, e o outro das 13:00 ás 14:00horas). Pola contra, o obradoiro de graffiti terá unha duración total de dúas horas (de 12:00 a 14:00 horas). Este último obradoiro, o de graffiti, xa ten todas as prazas ocupadas, mentres que para participar no de beatbox e no de danza urbana aínda existen prazas libres, polo que é posible inscribirse ata este venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Espectáculo multidisciplinar
A programación continúa pola tarde, a partir das 17:00 horas, cando terá lugar un espectáculo multidisciplinar que abarcará o graffiti, a danza urbana, o beatbox, o ragga e que contará con Djs. Asemade, tamén estarán animando a tarde o mago Xacobe, o grupo de música infantil A Gramola Gominola e o trío musical Os Tres Tenedores. Todas as actividades serán realizadas ao aire libre nas instalacións do Pazo da Peregrina.

Este festival encádrase dentro do programa “Cultura no Camiño” da Xunta de Galicia, que ademais deste festival traerá a Ames, durante o mes de xullo, dous concertos a cargo dos grupos Treixadura e Guadi Galego no Milladoiro e Bertamiráns, respectivamente. Esta iniciativa busca espallar e descentralizar a programación cultural estival, á vez que dinamiza culturalmente os concellos polos que discorre algunha ruta xacobea.