Pestanas principais

Este sábado dispútase a final da trixésima primeira edición do Trofeo de fútbol Concello de Ames

Mércores, 04 de xullo de 2012

[04-07-2012] Este sábado 7 de xullo, ás 19:00 h, dispútase a final do XXXI Trofeo de fútbol Concello de Ames 2012. A final xogarase no campo municipal de Bertamiráns entre o Bertamiráns FC e o Ortoño CF. Con este partido ponse fin ás competicións oficiais da temporada 2011-2012. O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle na semifinal ao CSD Ames, mentres que o Ortoño CF gañoulle na outra semifinal ao Bugallido FC. Neste torneo participaron seis equipos amienses.

Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amiense posto que xa se levan disputadas trinta e unha edicións. O próximo domingo remata o torneo coa gran final que enfronta ao Bertamiráns FC contra o Ortoño CF.

Neste torneo participan todos os equipos federados de Ames. En total foron seis os equipos que participaron este ano nesta competición. Os equipos do Bugallido FC, Bertamiráns FC e Biduído SR estiveron encadrados no grupo A, mentres que o Ortoño CF, CSD Ames e o Agrón FC formaron o grupo B. Na fase de grupos cada equipo disputou dos partidos. O primeiro e segundo equipo de cada grupo clasificáronse para as semifinais.

O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle 3-1 ao CSD Ames, mentres que o Ortoño CF gañoulle 2-0 ao Bugallido FC. Para este torneo os equipos puideron contar cos xogadores que xa tiñan fichados para as súas respectivas ligas. Cada club puido inscribir para este trofeo un máximo de 25 xogadores e tivo que presentar, xunto coa solicitude de inscrición, a copia de todas as fichas que inscribiu.

Os ingresos dos partidos da semifinal e final (entradas, rifas, etc.), repártense a partes iguais entre os clubs que disputan esta fase do torneo. Na final, a cada equipo dánselle 25 entradas e os prezos para todo o torneo quedan estipulados da seguinte forma: 3 euros para todos. Así mesmo os clubs comprométense a darlle 25 entradas ao Concello para a final.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Este sábado dispútase a final da trixésima primeira edición do Trofeo de fútbol Concello de Ames"