Pestanas principais

Este sábado chega ao Milladoiro o “Ames Gaming”, unha xornada de lecer dixital para todas as idades

Xoves, 10 de setembro de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellería de Mocidade, acolle este sábado 12 de setembro, de 12.00 a 20.00 horas, a primeira edición do evento “Ames Gaming”, unha xornada de lecer dixital organizada conxuntamente con Lúa Gaming, que busca crear un espazo onde o lecer e a aprendizaxe vaian da man. Durante todo o día combinaranse videoxogos, xogos de mesa, e a historia da cultura dixital. Todo, dun xeito accesible e non intrusivo, orientado ao público de todas as idades. O evento desenvolverase no pavillón polideportivo do Milladoiro.

“Ames Gaming” preséntase como unha xornada de lecer dixital no que o público de todas as idades poderá gozar de videoxogos e xogos de mesa nun ambiente de entretemento familiar. Deste xeito, o vindeiro sábado, 12 de setembro, o pavillón polideportivo do Milladoiro acollerá unha iniciativa diferente na que tamén se desenvolverán diferentes torneos.

Esta xornada está organizada polo Concello de Ames, a través da Concellería de Mocidade, en conxunto co equipo galego de esports e entretemento Lúa Gaming, do que son embaixadores Iago Aspas e Ana Peleteiro. Ademais, conta coa colaboración de Vella Escola Cultura Urbana, Faneka Gaming e Chafarís Compostela.

O espazo dividirase en varias zonas de xogo: xogos de mesa, arcade, retro, gaming e realidade virtual. No emprazamento de xogos de mesa, as persoas participantes poderán atopar dende os clásicos tradicionais ata as últimas novidades do sector. Haberá torneos, titoriais e guías expertas para introducir a todo o mundo nesta forma de lecer.

Zona arcade e zona gaming
En canto á zona arcade, contarase con máquinas recreativas clásicas que ofrecerán unha experiencia retro, transportando aos usuarias e usuarias á época dourada dos salóns de xogos dos anos 90 e 2000. Algo similar á zona retro, que contará con consolas desta década de finais do século XX e comezos do XXI, evocando á nostalxia de aqueles que xoguen con elas.

A zona gaming estará equipada con consolas Nintendo Switch (modelos 1 e 2) e PlayStation 5, onde se celebrarán torneos de diversos videoxogos. Un ambiente que combina a competición saudable co entretemento, especialmente atractivo para o público máis novo. Por último, na zona de realidade virtual os e as asistentes poderán probar as últimas experiencias de realidade virtual e mixta.

Torneos de videoxogos
Outro dos atractivos desta xornada son os torneos. En total, durante todo o día, haberá tres competicións de tres videoxogos distintos: Brawl Stars, EA SPORTS FC 26 e Mario Kart. Para o primeiro, os premios acadarán os 90 euros. Para o segundo e o terceiro, a contía será de 40 euros, respectivamente.

Para poder participar nalgunha destas competicións será necesaria inscrición previa. Esta poderá realizarse a través do código QR do cartel do evento ou ben o propio día do “Ames Gaming” de maneira presencial.

Este sábado chega ao Milladoiro o “Ames Gaming”, unha xornada de lecer dixital para todas as idades

Multimedia

  • Este sábado chega ao Milladoiro o “Ames Gaming”, unha xornada de lecer dixital para todas as idades