Pestanas principais

Este sábado chega a Ames a campaña "Oportunidades Galicia. Separemos ben, reciclaremos mellor"

Venres, 25 de novembro de 2016

[25-11-2016] Unha unidade móbil informativa da campaña "Oportunidades Galicia - Separemos ben, reciclaremos mellor" estará este sábado, 26 de novembro, na praza do Concello, en Bertamiráns, en horario de 16:00 a 19:00 horas. Dous monitores ambientais tratarán de concienciar á poboación amesá sobre a recollida selectiva e reciclaxe. Asemade, entregarán aos presentes merchandising específico de dita campaña. A pretensión é que os cidadáns separen correctamente os seus residuos e deposítenos nos colectores correspondentes co fin de incrementar as taxas de reciclaxe na nosa comunidade.

A consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio co apoio dos concellos, puxo en marcha unha campaña de concienciación social sobre a recollida selectiva e a reciclaxe "Separemos ben, Reciclaremos mellor". Esta iniciativa tamén conta co apoio de Ecoembes e coa colaboración de Sogama. A campaña, que alcanza a súa cuarta edición, contempla actuacións en distintos puntos xeográficos de Galicia tales como charlas e talleres en centros escolares, asociacións, eventos deportivos, concursos e visitas ao complexo ambiental de Sogama, entre outras.

A campaña chega este sábado, 26 de novembro, ao concello de Ames. Mañá en horario de 16:00 a 19:00 horas, na praza do Concello, en Bertamiráns, colocarase unha aula móbil informativa, onde dous monitores ambientais tratarán de concienciar á poboación amesá sobre a recollida selectiva e reciclaxe. Asemade, entregarán aos presentes merchandising específico da campaña.

A correcta xestión dos residuos é unha labor que precisa da colaboración de todos. Por parte da cidadanía, un esforzo por separar en orixe os diferentes tipos de residuos, e por parte das entidades locais, a garantía de que cada fluxo de residuos sexa xestionado adecuadamente.