[06-01-2011] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá, o día 8 de xaneiro, a oitava edición do Torneo de Nadal de Karate Concello de Ames, no que se darán cita 14 clubs galegos na modalidade de kata individual. Arredor de 200 deportistas competirán nas categorías de benxamín, alevín, infantil e xuvenil. O torneo comezará ás 16:00 horas e está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 13 anos. Esta competición está organizada pola Agrupación Deportiva "Galaika" en colaboración coa Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico.
O pavillón polideportivo de Bertamiráns será a sede, un ano máis, do Torneo de Nadal de Karate Concello de Ames. Nesta ocasión o público asistente poderá gozar da exhibición da modalidade de kata individual. Arredor de 200 deportistas daranse cita neste torneo e poderán amosar todos os seus coñecementos na materia para lograr ser proclamados como os mellores.
Neste torneo daranse cita 14 club de toda Galicia. Algúns dos club que participarán nesta competición son o Bispo Guerra Campos, Asociación Deportiva Galaika, BUSHI-KAI Santiago, San Francisco de Teo, Club Karate Touro, Club Karate Boiro, Club Cluny, Club Lamas de Abade, Club Ramón Cabanillas, Club Karate Lavacolla e Sempai de Muros, entres outros.
Nenos e nenas compartirán o seu nivel e destreza na disciplina pero cada un baixo a súa categoría correspondente. Os mozos e mozas de 5, 6 e 7 anos competirán en benxamín; os de 8 e 9 anos en alevín; os de 10 e 11 anos estarán no grupo infantil; os de 12 e 13 anos formarán o grupo xuvenil. Haberá competición tanto na categoría feminina coma na masculina.
Na loita dous contrincantes executarán as súas técnicas un despois do outro dependendo da cor do seu cinto. O gañador da competición deberá ter a meirande parte das bandeiras erguidas ao seu favor. Cinco xuíces serán os encargados de avaliar cada unha destas rutinas tanto na execución como na dirección, a forza e o equilibrio dos participantes.
A disciplina da kata
A kata está especializada nunha sucesión de técnicas determinadas que o deportista executa ao aire contra un adversario imaxinario. No karate esta modalidade céntrase nunha combinación de golpes de mans e pés baixo unha secuencia de movementos, bloqueos, desprazamentos, xiros e saltos nos que se persegue unha perfecta execución e orixinalidade.
Se non tedes plan para a tarde do sábado, o deporte será a opción perfecta para fuxir un pouco das celebracións tradicionais do Nadal. Os amantes desta exhibición milenaria teñen unha cita o día 8 de xaneiro para gozar co nivel dos deportistas participantes dende as 16:00 horas no pavillón polideportivo de Bertamiráns.