Pestanas principais

Este sábado celébrase o V campionato de patinaxe artística das Escolas deportivas do Concello de Ames

Venres, 02 de maio de 2014

[02-05-2014] Este sábado, 3 de maio, terá lugar no pavillón polideportivo de Bertamiráns a quinta edición do campionato de patinaxe artística, que se celebra dentro do programa das Escolas deportivas do Concello de Ames. O V encontro de patinaxe reunirá a 250 participantes pertencentes ás Escolas deportivas de Ames. Durante a mañá competirán as/os patinadoras/es dos niveis 1 e 2, mentres que pola tarde desenvolverase a competición para as/os patinadoras/es dos niveis 3, 4, 5, 6 e 7. Ademais, haberá exhibicións por parte da patinadora profesional Nadia Iglesias de Salvador e do Club deportivo La Salle. A competición desenvolverase en horario de mañá, entre as 9:15 h e as 14:00 horas, e pola tarde, de 16:30 h a 21:00 horas. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa do V campionato de patinaxe.

A patinaxe é unha das actividades con maior éxito de participación dentro das Escolas deportivas municipais. Para consolidar esta tendencia, este sábado 3 de maio, o Concello de Ames, coa colaboración da empresa Eulen Sport, organizan o V campionato de patinaxe artística das Escolas deportivas. Este espectáculo mestura música, baile, coreografías, colorido e moitas emocións. Nesta nova edición da competición participarán 250 patinadores/as, das escolas deportivas de Ames, de diferentes niveis.

O evento comezará ás 9:15 no pavillón de Bertamiráns. Iniciarase coa exhibición dos grupos de iniciación. Ao longo da mañá realizaranse as competicións individuais dos niveis 1 e 2, terminando cun descanso ás 13:15 horas. A continuación, haberá unha exhibición da patinadora profesional Nadia Iglesias de Salvador. A sesión da mañá pecharase coa entrega de trofeos.

A sesión de tarde comezará ás 16:30 horas. Entre as 16:30 h e as 18:30 horas competirán as rapazas e os rapaces dos niveis 3 e 4. A continuación as/os patinadoras/es do Club deportivo La Salle realizarán unha exhibición. Tras esta actuación que non entra en concurso, sairán a pista as/os patinadoras/es dos niveis 5, 6 e 7. A competición rematará arredor das 20:00 horas. Antes de finalizar actuará Nadia Iglesias de Salvador, que volverá a realizar outra exhibición para pechar o V campionato de patinaxe artística das Escolas deportivas. Entre as 20:30 h e as 21:00 horas realizarase a clausura do torneo coa entrega de trofeos.

Ademais da participación das/os patinadoras/es das escolas deportivas do Concello de Ames, haberá varias exhibicións por parte de Nadia Iglesias de Salvador, que é campioa galega de patinaxe, quedou cuarta clasificada no campionato de España na categoría cadete, e obtivo a cuarta posición na Copa de Europa de patinaxe artística, e do Club deportivo La Salle. A entrada para asistir tanto ás competicións como ás exhibicións é totalmente gratuíta.