[16-12-2011] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá, este sábado 17 de decembro, a novena edición do Torneo de Nadal de Karate Concello de Ames, no que se darán cita 12 clubs galegos na modalidade de kata individual e kumite xuvenil. Arredor de 220 deportistas competirán nas categorías de alevín, infantil e xuvenil (feminino e masculino). O torneo comezará ás 16:00 horas e está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 13 anos. Esta competición está organizada pola Agrupación Deportiva "Galaika" en colaboración coa Concellaría de Deportes e Tempo Libre e Voluntariado.
O pavillón polideportivo de Bertamiráns será a sede, un ano máis, do Torneo de Nadal de Karate Concello de Ames. Nesta ocasión o público asistente poderá gozar da exhibición da modalidade de kata individual e kumite xuvenil. Arredor de 220 deportistas daranse cita neste torneo e poderán amosar todos os seus coñecementos na materia para lograr ser proclamados como os mellores.
Neste torneo daranse cita 12 clubs da comarca. Os clubs que participan nesta competición son o Bispo Guerra Campos, BUSHI-KAI Santiago, AVALON- KAI, a Escola de Karate Akai-Ryu, San Francisco de Teo, Club Karate Touro, Club Karate Boiro, Club Cluny, Club Lamas de Abade, Club Ramón Cabanillas, Club Karate Lavacolla e o Club Karate Vedra.
Nenos e nenas compartirán o seu nivel e destreza na disciplina pero cada un baixo a súa categoría correspondente. Os nenos e nenas de 8 e 9 anos en alevín; os de 10 e 11 anos estarán no grupo infantil; os de 12 e 13 anos formarán o grupo xuvenil. Haberá competición tanto na categoría feminina coma na masculina. Na modalidade de kumite só participarán os rapaces e rapazas da categoría xuvenil (12 e 13 anos).
Na loita dous contrincantes executarán as súas técnicas un despois do outro dependendo da cor do seu cinto. O gañador da competición deberá ter a meirande parte das bandeiras erguidas ao seu favor. Cinco xuíces serán os encargados de avaliar cada unha destas rutinas tanto na execución como na dirección, a forza e o equilibrio dos participantes.
A competición celebrarase nas modalidades da kata e kumite. Na categoría de kata os competidores non chegan a establecer ningún tipo de contacto físico. Os deportistas marcan movementos de defensa e de ataque como se estiveran nun combate imaxinario. En cambio, na modalidade de kumite realízase unha loita na cal as técnicas practicadas teoricamente son aplicadas nun enfrontamento cun opoñente real.