[19-04-2013] Este sábado, 20 de abril, terá lugar no pavillón polideportivo de Bertamiráns a cuarta edición do campionato de patinaxe artística que se celebra dentro do programa das Escolas deportivas do Concello de Ames. O IV encontro de patinaxe reunirá a 350 participantes pertencentes ás Escolas deportivas de Ames, Brión e La Salle. Tamén participarán o Club Patinaxe Alquimia, a Asociación Deportiva Liceo, Club Fontiñas e o Club Patín de Oroso. Haberá tres modalidades de competición (grupos show, individual e parellas artísticas). Ademais, haberá exhibicións individuais a cargo dos patinadores/as profesionais Paloma Cabirta, Nadia Iglesias e Miguel Tojeira; de parellas a cargo das parellas de danza formadas por Brais Abad e Paloma Cabirta, Alberto Artigas e Raquel Rodríguez, e David Salido e Irene Fernández; e de grupos a cargo do Club Fontiñas. A competición desenvolverase en horario de mañá, entre as 11:00 h e as 13:30 horas, e pola tarde, de 15:30 h a 21:00 horas. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o programa do IV campionato de patinaxe.
A patinaxe é unha das actividades con maior éxito de participación dentro das Escolas deportivas municipais. Para consolidar esta tendencia, este sábado 20 de abril, terá lugar o cuarto campionato de patinaxe artística das Escolas deportivas. O espectáculo mestura música, baile, coreografías, colorido, música e emocións. Nesta nova edición da competición participarán 350 patinadores/as, das escolas deportivas de Ames, Brión e La Salle, así como do Club Patinaxe Alquimia, da Asociación Deportiva Liceo, do Club Fontiñas e do Club Patín de Oroso. A competición realizarase en tres modalidades distintas. Haberá coreografías de grupo, individuais e de parella. Agárdase contar cun gran número de espectadores ao longo das oito horas que, entre a mañá e a tarde, durará o evento.
A partir das 11:00 horas da mañá competirán os patinadores e patinadoras participantes en bailes de grupo. Nesta modalidade haberá dous niveis. No primeiro nivel participarán os nenos e nenas de 7, 8, 9, 10, e 11 anos, mentres que no segundo nivel competirán os rapaces e rapazas de 12, 13, 14, 15 e 16 anos. Hai que destacar que as portas do pavillón abriranse ás 10:45 horas para que o público asistente se vaia acomodando nas gradas. Nesta modalidade participarán 11 grupos en dúas quendas. Despois da primeira quenda haberá exhibición a cargo das parellas de danza formadas por Alberto Artigas e Raquel Rodríguez (C.P. Alquimia) e David Salido e Irene Fernández (A.D. Liceo). Unha vez remate a segunda quenda da competición de grupos show haberá unha nova exhibición, esta vez a cargo dos patinadores e patinadoras do Club Fontiñas de Santiago de Compostela. Arredor das 13:15 horas realizarase a entrega de trofeos e medallas aos gañadores/as.
Competición individual e por parellas
Pola tarde, a partir das 15:30 horas, desenvolveranse as actuacións individuais. Participarán 25 nenos e nenas que competirán en dúas categorías diferentes segundo a idade. No nivel 1 participarán os nenos e nenas de 7 e 8 anos, mentres que no nivel 2 competirán os rapaces e rapazas de 9 e 10 anos. A partir das 19:30 horas, desenvolverse a competición de parellas. Nesta modalidade participarán un total de 14 nenos e nenas. Ao igual que no caso anterior haberá dúas modalidades. No nivel 1 participarán os nenos e nenas de 7, 8, 9 e 10 anos, mentres que no nivel 2 competirán os rapaces e rapazas de 11, 12, 13 e 14 anos.
Ademais, haberá exhibicións individuais a cargo dos patinadores/as profesionais Paloma Cabirta, Nadia Iglesias e Miguel Tojeira; e de parellas a cargo de Paloma Cabirta e Brais Abad. A entrega de premios realizarase arredor das 20:30 horas. Con este evento a patinaxe consolídase como unha disciplina referencial dentro das Escolas deportivas do Concello de Ames. Desde a organización preténdese que este evento represente o traballo do conxunto das Escolas deportivas municipais e que a través del se transmita e dea a coñecer o esforzo, a dedicación e a profesionalidade tan importantes para a educación dos nenos que serán o futuro do Concello e da sociedade.




